Entrevista Olga Novo: “A poesía antepón a beleza e o amor ante o desastre”

Olga Novo, autora do poemario "Feliz Idade"

Olga Novo defínese como unha muller nacida na aldea, filla neta bisneta de labregos. E aí, nesa identidade, agroma a poesía, un acto que doe e actúa como bálsamo ao mesmo tempo.

Os versos como indagación e busca da beleza e do amor ante un mundo que torna cara ao desastre. Porque, como ela ben di, “o mundo é mellor se os ollos que o contemplan son sensibles”. Feliz Idade nace, pois, da oposición entre a vida e a morte, deses sete anos nos que ela sentiu o declive e perda do pai e o nacemento da filla. Un poemario moi apegado ao rural, ao feminismo e á loita polo noso.

Pregunta (P): Os versos do poemario Feliz Idade combinan a ledicia do nacemento coa tristura da morte dunha forma moi persoal. Como foi a xénese do mesmo?

A xénese dos meus libros conecta sempre coa miña propia experiencia vital. Nese senso, a creación é sempre para min unha emanación emocional, que atopa canle expresiva a través da poesía. No caso concreto deste libro, a súa xestación xorde ao longo de sete anos, nun momento de gran intensidade vital no que conflúen dúas experiencias radicais para calquera ser humano: o nacemento dunha filla e o declive e morte do pai. O cruce desas dúas vidas ante min xera unha explosión creativa, que non é outra cousa máis que a poderosa tentativa da expresión de algo que roza o inefable: o Amor.

(P): Agroma aquí unha fonda conciencia feminista, de falar do corpo sen cadeas. Cres que a poesía axuda a apropiarnos da linguaxe para reivindicar o que nos pertence ás mulleres?

Por suposto. A poesía como toda linguaxe creadora pode ter un gran efecto liberador, pois xorde da nada e crea algo novo. Esa potencialidade abre un horizonte que vai máis aló da linguaxe recta da comunicación cotiá, e polo tanto interroga o real, subvérteo, ultrapásao. Esa natureza da linguaxe poética, como acontece no amor, posibilita un dicir outro, e nela reside xa que logo, unha posibilidade doutra realidade, doutro pensamento… Un verdadeiro potencial subversivo profundamente liberador para o xénero humano, e polo tanto tamén para as mulleres. Na práctica creadora desa difícil liberdade inscríbese a expresión natural do corpo, neste caso, o dunha muller que escribe desde a autoafirmación non-escindida, pois escribe coa súa mente, co seu corazón e coa súa pel.

(P): É a poesía para ti un bálsamo ou sofres ao crear?

Ámbalas dúas cousas. Hai moitos textos deste e doutros libros que foron escritos con moita dor, e mesmo chorando durante o propio proceso da escrita; mais sempre a poesía tivo e ten para min un efecto catártico e balsámico, primeiro polo propio pracer inmenso da escrita, e a seguir porque todo canto se realiza desde o amor ou por amor, cauteriza as cicatrices e anaina as emocións. O intre da creación é tamén Feliz Idade.

(P): En estreita relación coa reivindicación atopamos unha homenaxe á sabedoría popular, á terra que te viu nacer. É o libro, tamén, unha defensa das formas tradicionais de vida?

O libro é naturalmente unha obra escrita por unha muller nacida na aldea, filla neta bisneta tataraneta de labregos. Ata onde a memoria alcanza, esa sabedoría popular conforma o meu contexto vital. É lóxico, pois, que a miña escrita, de carácter hiperrromántico, funda as súas raíces no lugar natal; e de xeito paralelo, o alento libertario proxecta este enraizamento cara ao universal e mesmo cara ao cósmico. Neste senso, o que hai no libro, o que hai en min, é unha defensa da harmonía vital e da liberdade radical, e polo tanto das formas de vida máis diversas, entre as cales, claro, se atopa tamén a do noso rural ameazado por un capitalismo feroz que non entende da malla solidaria, do troco de bens, do sentir comunal. A poesía antepón a Beleza e o Amor ante o desastre, pon por diante a entrega e o soño como formas hiperlúcidas de resistencia. E isto tamén é Sabedoría popular.

«O libro é naturalmente unha obra escrita por unha muller nacida na aldea, filla neta bisneta tataraneta de labregos»

(P): Así e todo, tes esperanza nos tempos futuros. Es quen de imaxinar a vida dos galegos e galegas de aquí nuns anos? Sobrevivirán as aldeas?

Non creo que sobrevivan tal e como as coñecemos, e de feito na actualidade xa non son como as coñecemos de nenos, e moito menos como as coñeceron os nosos pais e nais cando aínda era un tecido socio-cultural vivo e pleno. Agora ben, como canta Mercedes Sosa, “todo cambia”, e esta verdade universal é un elemento que pode lerse tamén desde a esperanza. Por que non imaxinar outro rural asentado, nunha economía sostible nun modelo ecolóxico? Penso, neste senso, que hai cousas da nosa sociedade rural que é bo que desapareceran, non se trata de idealizar o modo de vida tradicional, que, coma todos, é poliédrico e complexo. Trátase, en todo caso, de imaxinalo vivo, e mellor.

(P): Para escribir poesía necesítase máis corazón ou razón? Cal é a túa experiencia?

Sen corazón non hai razón. Sen corazón non hai nada.

(P): A poesía xermola en calquera momento do día ou hai que sentarse e traballala?

Para min, a poesía antecede ao poema. A poesía faise, vívese, experiméntase, contémplase. Está na vida, está nos outros, está no amor, no pracer, na raíz emocional do ser humano. Logo, hai persoas que tamén a escriben, coma min. Moitas outras non. Pero percíbena, lévana dentro e practícana. Desde ese punto de vista, pode unha “sentar a traballar” fabrilmente o fogonazo dunha emoción? Por suposto, e respectando tódalas visións diversas que se poden ter do feito creador, para min, unha cousa é a artesanía da escrita, e outra, moi distinta, o trallazo da revelación.

«A xénese dos meus libros conecta sempre coa miña experiencia vital»

(P): Que pensas das novas voces poéticas que están agromando no panorama literario galego?

No Museo de Lugo hai unha peza escultórica, unha cabeza de muller romana coñecida baixo o nome de “Venus Victrix”: Venus Victoriosa. Sempre me fascinou esa idea… Que Venza Venus. Paralelamente a esta idea penso eu na Vitoria da Poesía. O mundo é mellor se os ollos que o contemplan son sensibles, polo tanto non podo máis que celebrar que xurdan novas voces que verbalicen a realidade desde esta óptica, e en galego. Todas e cada unha destas voces do presente, coma as do pasado, aportan algo inimitable e personalísimo á gran voz comunal. Benvidas sexan.

(P): Cales son os teus referentes literarios á hora de escribir?

Os meus referentes á hora de escribir non son só literarios, senón vitais nun senso profundo. Mais se debo aterme ao plano estritamente literario, os meus referentes son as voces profundas da poesía radical soa, da poesía da escoita e da revelación máis aló de modas, xeracións ou movementos. E nese espazo de creación atemporal conviven, por exemplo, Rosalía e Carmen Blanco, Emily Dickinson e Antonio Gamoneda, Safo e Claudio Rodríguez Fer, Virginia Woolf e Dylan Thomas, Rimbaud e Luz Pozo, André Breton e Iago González…

(P): Tes en marcha algún proxecto do que nos poidas adiantar algo?

Na actualidade estou a escribir unha serie de artigos, que se publican na revista Luzes, baixo a epígrafe “O bosque dos cromosomas”. Trátase doutro xeito de poesía: a procura da intrahistoria do meu lugar natal a través da evocación amorosa de persoas do pasado e do presente que conforman un verdadeiro bosque de cromosomas comunal. Seres anónimos que nunca pasarán á gran Historia dos feitos, pero que sosteñen a vida e forman parte de nós, do noso ADN como pequena comunidade existente neste recuncho do mundo. Traelos a primeiro plano cantando a inmensa dignidade das súas vidas humildes é para min un necesario acto de amor.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.