Botar a vista ao pasado para recordar certos feitos nunca está de máis. Eu diría que cada certo tempo deberiamos de virar a cabeza para ver os porqués do que realmente somos. Esta visión ben puidera facerse sobre todo no ámbito da medicina, onde se avanzou tanto que hoxe moitos pensamos que sempre foi así, como acontece co caso da varíola.
A xornalista e escritora galega, María Solar, volve na súa última novela a ese momento de comezos do século XIX, concretamente ao 1803, cando un total de vinte e dous nenos son embarcados na Coruña para levar a vacina da varíola cara América. E por iso recupera a historia dunha das maiores fazañas médicas da humanidade, que foi o comezo da erradicación desta enfermidade, que se produciu no ano 1980, cando a OMS declarou o planeta libre dela.
Pero antes de que iso acontecese, moitas persoas tiveron que loitar contra vento e marea para levar os métodos científicos á realidade, aínda contra sectores tan potente como a Igrexa. Antes, moito antes, a peste acababa coa vida de moitas persoas, tal e como se describe na novela:
“Unha peste terrible e temible. Contábase de familias enteiras en que todos os seus membros foron caendo un tras outros, aldeas, vilas cheas de contaxios en que xa ninguén quería entrar para ir vender. Persoas feitas monstros, sen un centímetro de pel sen pústulas e pus, ata dentro da boca, dentro dos ollos. Horrible”·
En parágrafos coma o anterior observamos a esa María Solar máis divulgativa, que escribe con paixón máis tamén co afán de ensinarnos algo, de que reflexionemos, tanto pequenos como maiores, de que o mundo avanzou moito e de que existiron persoas que a iso contribuíron.
A historia sobre a que escribe María Solar xa fora antes esbozada en Ángeles custodios, por Almudena de Arteaga, aínda que a perspectiva introducida pola galega é totalmente novidosa. E é que en Os nenos da varíola, tal e como o seu nome indica, son os nenos os protagonistas, sobre os que se reconstrúe unha trama cun ritmo trepidante, non exenta de circunstancias crúas, pero cun final que anima á esperanza.
Non puidera rematar esta crítica sen comentar o gran parecido que existe entre esa María Solar escritora na súa faceta infantil /xuvenil e adulta, pois o que en verdade fai que os seus escritos sexan únicos é a enorme humanidade que transpiran. Porque a literatura tamén pode traspasar fronteiras e dicirnos como é realmente unha persoa.
Ficha técnica
Autora: María Solar
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2017
Número de páxinas: 206