«Proleterka», a novela de Fleur Jaeggy sobre a descuberta da vida e o perdón

“Penso, o coñecemento é o único perdón que se pode acadar”. Se tivese que resumir nunha soa frase o argumento de Proleterka de Fleur Jaeggy sería esa. Aínda así, e despois dunhas cantas semanas despois da súa lectura, penso que é complexo clasificar esta novela, pero quizais é nesa incomprensión onde radica a súa grandeza, como xa teño defendido en moitas ocasións.

Chego a Proleterka da man dunha tradución recente ao galego de Antón Blanco Casás para Kalandraka, e comezo atrapada polo que me promete, a historia dunha adolescente que coñece o seu pai a bordo dun buque iugoslavo que atraca en Venecia e que inicia a súa singradura cara Grecia. Durante esa viaxe, esta rapaza busca ese coñecemento e o pai quizais un pouco de perdón, aínda que a autora non nolo pon nada doado, pois obríganos a facer unha lectura moi atenta, na que debemos imbricar o que ela nos conta agochado tras esa linguaxe tan delicada e sutil, e o que acontece na realidade.  Así, o exercicio é moi esixente, e a min obrigoume a volver en varias ocasións cara atrás, pensando que me perdera algo, pero tamén buscando un deleite maior na narración, que é unha marabilla para os sentidos.

Proleterka conta esa viaxe en barco, os silenzos que se producen nel, pero tamén nos leva cara atrás para contarnos algunhas partes desas dúas vidas separadas e con experiencias vitais diferentes. E aí, nese compartir retallos do vivido é onde radica o xogo con nós, co lectorado, pois a novela, aínda na súa mínima extensión, é coma un crebacabezas no que se mesturan os tempos e tamén as palabras. A forma da escrita, como xa comentei, é o elemento máis potente de Proleterka, aínda que tamén contén moitas cuestións que a nivel temático me gustaron moito. Por exemplo, atopamos reflexións arredor das clases sociais e do que supón darte conta de moi cativa de a que lugar pertences:

“Ás veces os nenos teñen unha noción premonitoria da condición social. Das apariencias. Se son aceptados ou non. Eu non era aceptada, pero eles eran os amigos de meu pai”.

Moi próxima á novela de crecemento, non é estraño que nela demos con momentos nos que a moza protagonista se busca a si mesma, analiza a súa propia identidade e as orixes e mesmo evoca as sensacións que lle produce a descuberta do sexo e da súa faciana menos amable e máis noxenta:

“A filla pensa que é parte da experiencia. Íspese e fai o que fai con Nikla. Os dedos ásperos do oficial acaríciana. Escamas. Como Nikola, é violento. Séntese botada a sortes pola tripulación. Experimenta pracer no desgusto. Non me gusta, non me gusta, pensa. Aínda así faino igualmente. Non hai moito tempo máis. O Proleterka é o lugar da experiencia. Cando remate a viaxe, ela debe sabelo todo”.

Proleterka é unha novela cocida a lume moi lento, cunha linguaxe que semella poesía, e coa que se describe un mundo descarnado e cru, e neste sentido, lémbrame moito a O gran caderno, de Agota Kristof, sobre todo porque fala da maldade cunha linguaxe ateigada de beleza interna.

Ficha técnica

Título: Proleterka

Autora: Fleur Jaeggy

Tradución: Antón Blanco Casás

Editorial: Kalandraka

Ano de publicación: 2022

Número de páxinas: 106

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.