“É potencial en todos os humanos, pero poucos o desenvolven. E só se pode aprender durante a infancia- afirmou-. A mente dos adultos non acepta que todo o que imaxina é posible, ata para moitos de nós é complicado”.
Que pasaría se non puidésemos soñar? Que fariamos se tivésemos a capacidade de xogar cos soños na Realidade? Con este prisma tan orixinal xorde Erica, unha novela de Ana Vigo, na que atopamos a unha nena que acaba de chegar co seu pai a unha nova vila, Dormecida, tras unha vida de continuas mudanzas e sen que se acostume a ningún lugar. Á chegada, e como acontece en moitas novelas de cambios, Erica ten que afacerse a novas amizades e os nenos e nenas da aldea non llo porán doado, ao que se suman tamén as circunstancias vinculadas coa súa propia forma de ser e de interpretar os soños e a realidade. Ata aquí podería semellar o argumento dunha novela típica adolescente, pero rapidamente descubrimos todo un universo pertencente á irrealidade no que a nosa protagonista deberá embarcarse para coñecer o equilibrio entre os reis de Morfeonía, Soño e Pesadelo, e a Grande Imperante. Como podemos observar, a novela contén elementos cos que calquera adolescente se podería sentir identificada, aínda que tamén nos leva ao terreo do onírico, desa parte oculta de todos nós que non acabamos de comprender de todo e que nos desconcerta.
A novela técese coma un fío entre a realidade máis tanxible e cotiá, esa que leva a unha nena a sentir soidade cando chega a un lugar novo e debe comezar de cero, e esoutra incomprensible, que fai que se transcenda ao mundo dos soños e do que neles acontece. Creo, pois, que a autora consegue sorprendernos cunha historia que comeza sendo unha cousa e remata sendo outra, e aí radica a súa potencia. Así e todo, creo que ese cambio entre un mundo e o outro dáse dunha forma moi abrupta, sen que como lectoras teñamos consciencia de en que momento cambiou todo, e de súpeto estamos en Morfeonía. Neste sentido, penso que lle faltaría unha maduración ao argumento, outorgando máis peso aos personaxes e permitíndonos que a historia nos leve pola psicoloxía dos personaxes, que debera de ser máis complexa para que que consigamos meternos nun mundo totalmente diferente ao noso.
En definitiva, Erica é unha historia cun bo plantexamento, que formula cuestións ben interesantes arredor da propia identidade e do lugar que ocupamos no mundo, pero que pretende construír un mundo que non chega a redondearse e que non chegou a prender de todo en min.
Ficha técnica

Título: Erica
Autora: Ana Vigo
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2022
Número de páxinas: 141