Arantza Portabales é unha das grandes escritoras de novela negra actual galega. Licenciada en Dereito, estreouse na literatura no ano 2013 a través do xénero do microrrelato, do que nace o libro A Celeste la compré en un rastrillo no 2015, ano no que tamén acada o XV Premio de Novela Negra por Entregas da Voz de Galicia coa obra Sobrevivindo. Pero o éxito veulle no 2017 coa novela feminista Deixe a súa mensaxe despois da sinal, á que lle seguirán as de xénero negro Beleza vermella e A vida secreta de Úrsula Bas. Recentemente vén de publicar unha segunda versión revisada de Sobrevivindo, coa que tamén está colleitando grandes éxitos.
1. O principal trazo do teu carácter? Son constante e testana.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A intelixencia.
3. E nunha muller? Nunca entenderei por que non se pregunta simplemente que calidade aprecio máis nunha persoa. Evidentemente a resposta é a mesma que no caso anterior.
4. Que agardas das túas amizades? Que me comprendan sen xulgarme.
5. O teu principal defecto? Levo mal as críticas pero só as da xente que me importa.
6. A túa ocupación favorita? Atopar un intre no que non teña ocupación ningunha.
7. O teu ideal de felicidade? Non creo nos ideais e se me apuras, tampouco na felicidade, máis aló deses pequenos e efémeros instantes en que hai unha confluencia de beleza, paz, serenidade, gozo compartido, alegría polos que queres… Cando iso sucede, atesouramos eses pequenos instantes, quedan sempre connosco.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Que lle pasase algo malo ás miñas fillas. A maternidade e o medo son unha realidade indisoluble.
9. Que che gustaría ser? Abonda co que xa son en todos os planos da miña vida, tanto a persoal coma a profesional.
10. En que país desexarías vivir? Vivo onde quero vivir.
11. A túa cor favorita? Celeste.
12. A flor que máis che gusta? Tulipán.
13. Que paxaro prefires? Colibrí.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Carver, García Márquez.
15. E poetas? Non son unha gran lectora de poesía. O último libro que lin e me encantou foi a Antoloxía de Pizarnik.
16. Un heroe de ficción? Florentino Ariza.
17. Unha heroína? Mafalda.
18. O teu músico ou música favorito/a? Iván Ferreiro.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Hopper.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Son de heroes anónimos.
21. O teu nome favorito? Alejandro, o do meu pai.
22. Que hábito alleo non soportas? A envexa.
23. Que é o que máis detestas? O costume de xulgar a vida dos demais, mesturado coa hipocrisía. Todo iría mellor se cada quen vivise pendente da súa propia vida.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Os ditadores con carácter xeral, Hitler en particular.
25. Un feito histórico que admires? Os que supoñen avances nos dereitos humanos levados ao cabo por xente corrente, como o de Rosa Parks, por exemplo.
26. Que virtude desexarías posuír? Para que desexar o que non se ten? É unha perda de tempo e teño moi pouco tempo en xeral.
27. Como che gustaría morrer? Xa o pensarei mañá.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Bo ou malo, sempre intenso.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os derivados da inocencia ou falla de experiencia.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Todo pasa por algo.