«Golpes de luz» de Ledicia Costas

Necesitamos novelas que falen da sombra e nos transmitan luz. Novelas coas que chorar e, ao tempo, escachar coa risa. Acaso non temos dereito ao humor cando a situación vital é tan complexa? E logo a risa non pode curar o sufrimento? Da imbricación e da comuñón destas dúas ideas nace Golpes de luz, a nova novela de Ledicia Costas na que atopamos a vida en estado puro, con todo o que esta implica de sufrimento e de esperanza.

“Hai algo de min que rompeu coa separación e non sei como facer para recompoñer os anacos. Coselos con fío de seda, pegalos con cola branca ou directamente arrancalos e poñer un parche para poder empezar de novo. Canto se tarda en superar unha ruptura? Cando deixa de doer con esta forza?”

A voz que fala no parágrafo anterior é a de Xulia, unha muller de corenta anos que regresa de Madrid á súa aldea natal despois dunha ruptura matrimonial, e nun proceso no que debe conciliar o coidado da súa nai dependente, o seu fillo e o traballo de xornalista. Ela simboliza a voz, o fastío e a loita pola supervivencia de tantas mulleres de hoxe en día, que se cuestionan a felicidade e mesmo dubidan do seu dereito a ela. A súa tristura vital altérnase na novela coas outras dúas voces: a da súa nai Luz Divina e a do seu fillo Sebas, dúas personaxes moi afastadas no tempo pero unidas polo sentimento da inocencia que fai que a infancia e a vellez acaben sempre atopándose.

Alternando estas tres voces, a autora viguesa cóntanos a vida na súa complexidade e con esa retranca e humor que tanto a caracteriza, de forma que as lectoras e os lectores empatizaremos cos personaxes que aínda tendo abondos motivos para chorar atopan outros tantos para sorrir. E iso é de admirar. Ademais, e como recoñeceu a autora nunha das súas presentacións públicas, precisamos novelas que nos inoculen esperanza, porque xa levamos moito tempo cunha pandemia de fronte e cos ánimos polo chan.

Golpes de luz reivindica a oralidade como fenómeno literario, e concretamente a forma de falar das avoas, desas mulleres que todas coñecemos e que avogan polo seu dereito a dicir o que queiran sen pelos na lingua, como fai a marabillosa Luz Divina, unha personaxe que, por certo, comete moitas troupelías e fai sufrir á súa filla pero que tamén é supervivente dun pasado que non elixiu e que tivo que afrontar con ese martelo do que xamais se separa. Precisamente, é a través dela que Ledicia Costas aproveita para facernos reflexionar arredor de asuntos de candente actualidade e aos que cómpre dar unha solución urxente e contundente: a dependencia e a falta de recursos públicos para atender ás persoas maiores con calidade e profesionalidade, a precariedade laboral e a mal chamada ‘conciliación familiar’… E moi en consonancia con estes, tampouco podemos esquecer eses inicios do narcotráfico en Vigo ou o bullyling. Aquí é onde vemos concomitancias entre esta obra e Infamia, pois sendo esta última un thriller, si que trata temáticas que se atopan no imaxinario social e que nos preocupan en maior ou menor medida, como son as desigualdades entre homes e mulleres e ese peso do patriarcado nas formas de vida. Iso si, Golpes de luz, a diferenza da outra é unha novela con poucas sorpresas, que avanza lento pero na que podemos anticipar a maioría dos acontecementos, quizais porque nalgúns casos a intriga non está de todo ben dosificada, e as voces das tres personaxes chegan a unificarse parecendo nalgúns momentos a mesma. Iso si, estas cuestións non restan viveza a unha novela que fala do que somos e que nos conta esa vida que cómpre reivindicar: a de rir ata nas peores circunstancias. E con iso nos teriamos que quedar. E co que nos di Sebas, ese neno que nunca deberiamos deixar de ser:

“Gústame se don que ten Noa de darlles a volta a momentos tristes e convertelos noutra cousa completamente distinta. É coma se tivese soles pequenos gardados na manga do xersei. Cando chove ou cando aparece unha ameaza, solta un sol e faino voar coma un paxaro. Estende un brazo e míranos con ollos de Bambi para que coloquemos as nosas mans enriba da súa.

Á de tres dicimos en voz alta: “O noso amor é para sempre”- indícanos”.

Ficha técnica

Título: Golpes de luz

Autora: Ledicia Costas

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2021

Número de páxinas: 283

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “«Golpes de luz» de Ledicia Costas

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.