Todas as persoas convivimos cun trauma, o cal ás veces que se supera e outras non. Esta reflexión fíxoa Ledicia Costas na presentación en Bueu (Pontevedra) da súa novela Infamia, e con ela resúmese parte do contido da historia tan cruenta e á vez ateigada de beleza que nos conta. Acostumados como nos ten a historias onde o fantástico é protagonista, a autora viguesa aventúrase a cambiar de terreo e a iniciarse no xénero do thriler policiaco, aínda que con moitos matices. Infamia non é unha novela negra ao uso, pois nela sabemos case desde o comezo o que acontece, mais engancha moitísimo porque queremos indagar nos porqués, un xeito este de construción literaria que nos leva a pensar case inevitablemente na recoñecida cronica de Truman Capote, A sangue frío.
Atopamos aquí a Emma Cruz, unha profesora de Dereito Penal que recala no barrio de Merlo e descobre un crime producido hai unha vintena de anos que a obsesiona, o que a leva a querer saber máis, dado que ela tamén garda unha vivencia persoal que a preocupa desde a infancia. A partir de aí, a autora consegue que non poidamos soltar esta historia pola que transitan personaxes ateigados de grises, que camiñan entre a bondade e a maldade, pois todo o que somos depende do pasado e do que nos rodea.
Marabillada quedei coa capacidade da autora para falarnos das partes máis escuras dos seres humanos e da sociedade desde unha linguaxe fermosa, na que se destaca tamén a humanidade das personaxes, sobre todo coas descricións dos espazos rurais e tranquilos, e da música e dos poemas que aparecen referenciados ao longo do argumento. Todo isto conséguese grazas á pericia dunha autora que recoñece pulir moitísimo os seus libros para que se perciba a profundidade dentro da sinxeleza. Os acontecementos sucédense en Infamia de forma trepidante, cunha linguaxe cinematográfica que nos fai imaxinar á perfección.
Aínda fiel ao seu estilo de sempre, atopo aquí á Ledicia Costas máis comprometida, máis apegada á realidade, sobre todo porque é quen de poñer o foco sobre feitos estarrecedores. Ela, ao igual ca min, tamén cre nesa capacidade da literatura para abrir debates e xerar reflexións necesarias que, en maior ou menor medida, deberían de contribuír a provocar o cambio.
Quixera destacar a construción do espazo de Merlo, un barrio da periferia que, aínda sendo ficticio, recorda moito a ese Beade onde a autora pasou a súa infancia. De feito, ela mesma recoñece que bota en falta as infancias de liberdades controladas, que na actualidade desaparecen.
“Todo isto non lograba anular o encanto de Merlo. Era unha auténtica atalaia verde, co monte dominando a paisaxe. A forza da natureza era tanta que case se podía mastigar. E máis alá, nalgunha parte, estaba o mar exercenco o seu influxo. Emma comprendía á perfección que significaba unha infancia nun lugar coma aquel. Criarse con esa clase de liberdade, poderosa como una bóla de luz entre as mans, semellaba algo case anacrónico. A vida na rúa ata o declive do Sol, o zume das froitas esvarando polo queizo, as unllas manchadas de terra. As pernas rabuñadas polos tozos, as moras salvaxes prendendo nas silveiras, as mans infantís construíndo cabanas nas árbores”.
Ficha técnica

Título: Infamia
Autora: Ledicia Costas
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 270