“Feriron o idioma. / Esganaron os cantares. / Riron do noso xeito / de repartir os montes. / Tratáronnos coma lombrigas. / Espoliaron a biblioteca / que a República / inaugurara en Muras”.
A poesía galega actual non esquece as orixes e o compromiso coa terra e coas persoas que a manteñen día a día e que ao longo do tempo puxaron por construír un mundo mellor, tarefa que as levou moitas veces a seren maltratadas. Desas aldraxes, e coma unha forma de reivindicar de onde vimos, nace Alcatrán, o poemario co que Marcos Abalde gañou o XXIII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu.
Partindo dunha linguaxe na que destacan palabras galegas a piques de esmorecer, Abalde proponse crear unha serie de poemas que son en si mesmos unha mecha da que prender lume e propoñer unha sociedade que teña máis en conta as persoas maiores e a súa sabedoría para construír ou reconstruír un mundo máis sincero e con menos lugar para o consumismo e o capitalismo. Quizais todos os ‘ismos’ supoñen unha aldraxe, unha forma de control do que en verdade debería ser a esencia última das cousas, e a felicidade dos que que queremos que o mundo sexa un pouquiño máis xusto.
Marcos Abalde, promotor do proxecto “Ferrol rebelde”, parte aquí das experiencias individuais, case de casos illados, para facernos reflexionar sobre a historia colectiva, de xeito que ben poderiamos ler estes poemas coma unha análise verdadeira e sincera da Galiza que habitamos e da que habitaron os nosos antepasados.
“Vivimos no soño dos mortos.
Como encarar esta longa agonía?
Como remontar a raíz da cegueira?”.
Os versos de Abalde reclaman a dignidade e reivindican o dereito a posuír o que nos quitaron: a terra, a memoria, a historia, a independencia e, mesmo a liberdade. E ante iso, as letras eríxense coma un misto co que alimentar a chama da conciencia, coa que clamar o que é noso.
“Roga
que asinen por ela.
Pois non sabe.
Pouco zoupou no silabario.
O maeso roubáralle o ensino.
A nosa familia
adoptou a escrita
hai cincuenta anos.
Baixo a saraiba,
a diáspora das letras”.
Ficha técnica

Título: Alcatrán
Autor: Marcos Abalde
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 62