“Como nace unha poeta? Agroma dunha semente na terra, un día calquera baixo certas influencias de auga, luz lúa? Sae dun casulo interior? Nace como nacen todas as crianzas e máis tarde é atrapada por un estraño elemento digamos, por exemplo, o deseño de tocar e ser tocada polas cousas?”
Supoño que moitas poetas se teñen preguntado ao longo da historia sobre os porqués da súa escritura, e supoño tamén que será moi difícil explicar que leva a unha muller aparentemente cunha vida normaliña a escribir versos máis ou menos misteriosos. Eu, que gozo moito nos últimos anos da poesía, marabíllome diante de moitos versos, experimento unha especie de catarse individual e sinto o desexo de ir máis alá e de ver o autor ou autora tras dos versos. Se isto me acontece a min que non escribo poesía, imaxinádesvos o que supón para aquelas que escriban versos? Con esta pregunta nace o libro Xela Arias. Palabra á intemperie, unha proposta de Emma Pedreira e ilustracións de Laura Romero que reconstrúe brevemente a biografía da autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas, e na que se fai unha revisión e unha reinterpretación dalgúns versos dos seus poemarios principais, caso de Tigres coma cabalos, Darío a Diario ou Intempériome. Neste sentido, resulta do máis interesante observar como a poeta Emma Pedreira conversa cos versos de Xela Arias e indaga no que estes provocaron na súa vida profesional e persoal. Así, o libro concíbese case coma un espello no que a autora de Bibliópatas e fobólogos se pon fronte aos poemas de Xela e confesa a súa admiración e o que influíu a súa estética á hora de crear, ademais de realizar unha análise sobre algúns temas de candente actualidade, como o feminismo e o feito de exercer a maternidade dende a liberdade.
Di Emma Pedreira:
“Ser nai e ser poeta é como ser nai e ser astronauta ou ser nai e ser limpadora. Non hai heroicidade en estar na vida e ser”.
E propón Xela Arias, no ano 1996:
“Busco o modo de te acompañar sen estorbo,
Que sexas ó meu carón feliz e creador de ti,
De ti e mailo mundo que apañes”.
As ilustracións de Laura Romero outorgan o contrapunto necesario, pois nelas atopamos moitos collages que nos levan directamente a pensar na poeta e tradutora viguesa, quen nos anos oitenta ousou crear uns poemas e acompañalos de fotografías de espidos, algúns dela mesma, xerando unha provocación nese mundo que habitaba e que aínda estaba moi condicionado polos estereotipos. Mais, ela, muller valente e brava, soubo romper e ofrecer outras formas de facer arte, dende o politicamente incorrecto.
“Cal sería a mellor maneira de despedir unha poeta?
Que poderiamos deixar na súa tumba?
Debería haber na súa lousa, só un verso ou o seu nome?
Que verso escoller, que pezas do poema?
Que flor para Xela Arias?”
Ficha técnica

Título: Xela Arias. Palabra á intemperie
Autora texto: Emma Pedreira
Autora ilustracións: Laura Romero
Editorial: Baía
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 51