Para fomentar o coñecemento, quizais necesitemos máis ca nunca visibilizar os referentes. Esta máxima é seguida pola editorial Cuarto de Inverno, na que se publican libros que dan a coñecer a mulleres que traballaron arreo pola cultura galega nos diversos eidos. Hai pouquiño sorprendíannos con As mil vidas de Dorotea, un libro en formato pequeno no que Lorena Conde conta as múltiples facetas dunha das grandes do teatro galego, Dorotea Bárcena; e agora fano con A mestra corremundos, no mesmo formato, co texto de Arancha Nogueira e as ilustracións de Ana Varela. Neste caso a protagonista é Pura Vázquez, unha muller talentosa e valente, amante das palabras e que nunca dubidou do que se propuña, ca ensinanza como meta e como camiño.
A mestra corremundos parte dende Ourense para trazar un mapa pola cartografía individual de Pura Vázquez nunha conversa ficticia coa súa irmá Dora, ateigada de anécdotas e de moitas alusións ás vivencias conxuntas e, máis concretamente, a Pura. Neste sentido, Arancha Nogueira contacta moi ben con estas dúas mulleres, coas que comparte a cidade que a viu nacer e que actúa como catalizador dos pasos das tres, nunha especie de busca da identidade dende o pasado cara ao presente.
Creo que ao igual que acontecía no libro de Dorotea Bárcena, A mestra corremundos chega para ensinarnos o que simbolizou Pura Vázquez, definida pola súa irmá xa no comezo do libro coma “unha muller forte e teimuda”. Esa teimosía manifestouna nas súas ganas de escribir, mais sobre todo no amor polas crianzas e o ensino.
“Non esquezas que fuches ti quen me ensinou os primeiros versos de Rosalía de Castro, Dora… E desde aquela quedei engaiolada! A grande poeta das nosas letras merecía unha homenaxe, claro que si, pero tamén todas as poetas mulleres que levamos séculos a escribir neste país e ás que apenas se nos recoñeceu nada. Ti mesma dixeches: canta xente coñece Íntimas? Pero non me pasa só a min, senón a todas!”
Fálalle aí Pura a Dora, e xa se pode ollar a súa óptica do mundo dende o feminismo, nun momento no que era moi difícil atopar ideas así e, sobre todo, escribilas como ela fixo en poemarios como Íntimas, no que amosaba a súa vontade de crear un discurso ao redor das poetas e dos versos escritos por outras mulleres que a acompañaran no seu camiño. De certo que é un libro pequeniño en tamaño pero enorme en contido, en valores, en aprendizaxe.
Ficha técnica
Título: A mestra corremundos

Autora: Arancha Nogueira
Ilustracións: Ana Varela
Editorial: Cuarto de Inverno
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 87