«As mil vidas de Dorotea» de Lorena Conde

Lorena Conde, autora de "Velloucas & Minchas"

Cando era adolescente vin por primeira vez actuar na televisión a Dorotea Bárcena, no papel de ‘Amadora’ no marco dos espectáculos de humor que facían Os Tonechos. De seguro que esta é a imaxe que lle vén á maioría da xente á cabeza, o que non deixa de ser unha visión reduccionista e inxusta. O certo é que Dorotea significou moitísimo máis na historia do teatro galego e creo que dende as institucións se debería facer un maior esforzo por reivindicar a súa figura, o seu labor cultural e o seu legado. Pero, como adoita acontecer, parece que o noso é menos digno que o que vén de fóra, e por iso tarda moito máis tempo en valorarse e pasar á historia.

Ante este silenzo agroma As mil vidas de Dorotea, un libro fermosísimo publicado por Cuarto de Inverno, no que a escritora Lorena Conde conta para os máis pequenos e pequenas a vida desta muller á que temos tanto que agradecer. O libro, editado en pequeno formato, conta con ilustracións de María Brenn, que nos fan gozar máis do que nel se conta e da paixón coa que se fala de Dorotea.

Escrita coma unha autobiografía, aquí é a propia Dorotea quen se dirixe a nós nun exercizo de sinceridade que Lorena Conde constrúe á perfección, e con moito respecto cara unha muller que creu dende cativa na necesidade de contar cunha cultura propia e de defendela a través das artes e, máis concretamente, do teatro.

“Os papeis que daquela se escribían para as mulleres eran tan aburridos que os podía facer unha cadeira cun abrigo pendurado dela. Ademais, xa só o feito de decatarme diso, foi un grande paso na miña idea do que as mulleres debiamos acadar no teatro e na vida, púxome no camiño do feminismo e fíxome investir, anos máis tarde, todo o meu empeño de dramaturga en escribir papeis interesantes para mulleres de todas as idades e con todos os corpos”.

Lorena Conde fabula un pouco as vivencias de Dorotea, pero tomando sempre como base diversos artigos e entrevistas nas que se evidencia o carácter desta muller brava que levou a nosa cultura sempre como baluarte. Non en van, o libro está construído a modo dunha pequena obra de teatro, polo que o círculo fica pechado.

Sen dúbida estamos diante dun libro importante, que chega nun momento ideal, e cunha edición moi coidada na que as ilustracións axudan a contar e a facernos partícipes da necesidade que temos como sociedade de coidar os nosos faros, a todas as persoas que nos dan luz.

Ficha técnica

Título: As mil vidas de Dorotea

Autora: Lorena Conde

Editorial: Cuarto de Inverno

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 101

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “«As mil vidas de Dorotea» de Lorena Conde

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.