“Percorrín Nova Zelandia na busca de respostas. Constatei que a tristeza da esterilidade non me nacía tanto de quedar sen pequechiños coma da sensación de tronzar a transmisión do relato. E a carga facíaseme insoportable”.
Contar o noso pasado e non deixalo ficar no esquecemento, seguir o fío do relato das persoas maiores das que tanto deberiamos aprender. Eses foron os motivos que levaron a Ana Moreiras a concibir Madialeva, unha banda deseñada que lle dá voz ás mulleres da aldea, superviventes dunha época, habitantes dun mundo machista e testemuñas dunha guerra na que viron morrer a moitas persoas.
Madialeva trasládanos á Terra Cha, concretamente ao lugar de Miraz, no que a autora pasou a súa infancia e na que habitan esas mulleres, tías, avoas, veciñas, que construíron o seu propio mundo e loitaron cando viñan mal dadas. Neste sentido, este lugar e as mulleres que aparecen retratadas por Moreiras virían a simbolizar o rural galego afastado de tópicos, unha visión que necesitamos máis ca nunca para poñer no foco e dignificar as persoas que, aínda con todo en contra, loitaron por un mundo mellor e máis xusto. Non en van fálase aquí das mulleres costureiras que desgastaron as mans e os fíos e axudaron a construír os grandes imperios que todos coñecemos, mans anónimas pero sen as que moita roupa non existiría; tamén aparecen vivencias do golpe de estado do 1936 e das inxustizas da posterior ditadura, e das revoltas destas mulleres por conseguir afastarse do machismo.
Considero que necesitamos máis relatos coma o de Madialeva, sabedes por que? A miúdo atópome con persoas mozas que tratan aos maiores con desdén, desprezan as súas opinións e vivencias baseándose nunha suposta ignorancia. O que eu sempre digo é que, por moito que estudemos e nos vexamos ateigados de inventos e tecnoloxías, xamais seremos a metade de fortes do que foron as nosas avoas, os nosos avós.
O libro é unha fermosura, non só polas ilustracións, de trazo realista e moi coloridas, senón polo que transmiten as súas protagonistas, mulleres coma Pelines, Gloria, Marisa ou Mirta, que viviron sempre nese rural que elas construíron e mantiveron. Eu, que son da aldea e me sinto orgullosa diso, sinto unha alegría inmensa ante a publicación de libros coma este, que reteñan o pasado para trazar o futuro.
Ficha técnica

Título: Madialeva
Autora e ilustradora: Ana Moreiras
Editorial: Aira
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 127
Que boa pinta ten Tensi!
Me gustaMe gusta