O proceso creativo de… Chus Pato

Chus Pato é unha das grandes voces poéticas da Galiza. Nada en Ourense no 1955, ten publicado poemarios como Urania (editorial Calpurnia,1991), Heloísa (Espiral Maior,1994), obra traducida ao castelán por edicións «La Palma», Fascinio (Toxosoutos,1995), Nínive (Xerais,1996), pola cal foi galardonada co premio Losada Diéguez, A ponte das poldras (Noitarenga,1996) e reeditada no 2006 por Editorial Galaxia, m-Talá (Xerais, 2000) e Un Ganges de palabras. O seu libro máis recente é Un libre favor (Galaxia, 2019), en cuxos versos atopamos unha defensa a ultranza da literatura e identidade galegas. Para este mes das escritoras, ela mandounos este fermoso texto:

«No outono do 2018 viaxei a Guayaquil. Nesa cidade e nun cuarto, que hospedaba todos os ruídos do mundo, tentei iniciar a escritura de Sonora. Foi mais tarde, en Soutolongo, e a raíz de ser eu quen de lémbrame con sete anos de idade, agarrada aos balaústres do balcón e posuída polo pánico que me provocara a entrada dunha carroza fúnebre (daquela as defuntas non viaxaban en automóbiles) que procedente da Avenida de Buenos Aires e para embocar a rúa de Santo Domingo tiña que tomar un curva moi pechada. Crin eu que os cabalos esvararan e vinos precipitarse de capitón contra a mole do edificio de Facenda, e vin tamén como o cocheiro lograba dominar a catástrofe e a defunta na súa cámara de cristal era conducida en paz á igrexa próxima. Entón a escritura tivo o seu comezo. 1

No outono do 2019 compareceu ante min a palabra salvoconduto e souben que debía dar por terminada a primeira parte do libro, aínda que con posterioridade tamén fun informada de que Sonora e Salvoconduto eran dúas gallas dunha mesma lingua ou territorio. Salvoconduto daba un paso cara á escritura dunha vida que se pensaba como impropia, é dicir rebelde a calquera adxetivización posesiva e que opuña a súa gratuidade, o seu don á mercancía e en consecuencia ás fórmulas ás que nos obriga o capital. 2

No mes de agosto do 2020 sentín que o vencello que establecera o libro coa Osa Maior debilitábase. Nunca foi que o libro considerase que a miña nai, a nai da autora, era a constelación que il, o libro e máis eu, contemplabamos nos ceos anticiclónicos. Ocorría que ao dirixir a mirada cara ese grupo de estrelas sentiámonos fluír cara unha protección maternal. Soubemos que deberiamos pórlle ramo a Lonxincua cuxos poemas repartidos en tres vieiros conformaban a segunda parte do libro en curso. 3

Sonora, o libro que escribo, ten como motivo o loito e a orfandade. Son tres momentos os que aquí se ofrecen como forma de traballo:

1: a viaxe a tempos pretéritos ou futuros, que lle fan comprender e desenvolver ao poema a escritura na que decidiu embarcarse, o ritmo que xorde da bondade do tempo que lle corresponde.

2: o pensamento que dota ao poema de liberdade para moverse. Esta idea de vida impropia é o seu salvoconduto. O seu poder camiñar á marxe da lei vixente (literaria e non tanto) Diriamos unha escritura sen dereito, máis aló dunha lectura que a salve ou a condene.

3: a capacidade para aceptar a morte da nai e en consecuencia da orfandade biolóxica, sen dúbida, pero tamén poética Un libro, coma este que escribo, dialoga cos poemarios doutras e doutros poetas pero é tamén a escritura dunha soidade. Soidade amparada e tamén desamparada pola contemplación das constelacións talismán debuxadas nos ceos nocturnos e no esplendor lunar.

A Inspiración, no meu caso, e o traballo, tamén no meu caso, resúmese na abertura e na atención á voz do que entendemos por Musa. Gústame chamarlle Musa a esa estrutura poética da vida, gústame porque as Musas son fillas da Memoria e memoria e inmemorial son desde a miña opción o alfa e o omega do poema.

(Foto autoría de Ricardo Silveira)

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “O proceso creativo de… Chus Pato

  1. Un libre favor foi a miña primeira lectura do ano, e a pesar de que non me entusiasmou teño que dicir que me parece que vou seguir lendo a esta gran poeta Oruensana, e teño pendente «Carne de Leviatán» para ler próximamente. Saúdos e gran entrada!

    Me gusta

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.