“Creo na poesía, quizais, é no único que creo”.
Estes versos de Lupe Gómez insisten na defensa da poesía como case a única verdade, aquilo que é capaz de sobordar todos os límites e ir máis alá, alén do imaxinable. A poesía adquire, neste caso, un cariz revolucionario que é o que, á fin e ao cabo, me gusta cada vez máis.
Descubro de novo a Lupe Gómez co poemario O útero dos cabalos, unha proposta salvaxe, arriscada, na que atopamos berros infinitos, e co que ela se fixo co VII Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu. Mentres leo estes versos, decátome de que se parecen moito a outros artefactos poéticos, como Feliz Idade, de Olga Novo, ou A herba de namorar, de María do Cebreiro, nos que tamén se aborda o concepto mesmo da poesía e a súa relación coa terra e co feminismo no centro.
Creo, sinceramente, que Lupe Gómez é unha das grandes voces da poesía galega actual, sobre todo porque é quen de falarnos dende a sinceridade, fuxindo do politicamente correcto e facendo das contradicións o xerme do pracer lector. O útero dos cabalos concíbese, pois, coma un libro de fortes contrastes: esa muller que quere ser libre e, ao tempo, indaga no amor máis primario; a nena que quere medrar e, tamén, ficar na infancia por momentos… Quizais é nestas contradicións onde radica a súa maxia, porque todas logramos identificarnos con esa voz poética que fica a cabalo entre dous mundos, que quere facer unha revolución e ás veces vese incapaz, que quere berrar alto aínda que ás veces só atopa a opción da escritura.
“A menstruación era / de nenas, pero eu / era un neno que / xogaba ao fútbol/ lonxe”.
“No quero ter un mozo / que me espere / na porta, eu quero / correr. Os cabalos / son libres”.
Moitos dos versos que vou atopando nesta lectura supoñen unha forte revelación e a través deles tamén me recoñezo cos meus medos e desexos. É imposible non empatizar cos detalles dos que fala a autora, quen xa me conquistara con Camuflaxe, e que me volve revolucionar con este libro salvaxe e ateigado de verdade e de loita.
“Odio a maquillaxe, / esas máscaras grandes / que tapan os rostros das / mulleres, que non deixan / ver a mirada”.
Ficha técnica
Título: O útero dos cabalos
Autora: Lupe Gómez
Editorial: Espiral Maior
Ano de publicación: 2005
Número de páxinas: 117