Nestes días fragmentados, o pensamento tamén flúe entrecortado. Saturados de estímulos, non somos capaces moitas veces de concentrarnos, de ser produtivos, se é que iso é positivo. Reflexiono nesta idea ao rematar de ler o Libro de horas, un poemas intenso e con moitas reivindicacións de Rebeca Baceiredo. Sumérxome nel e atopo, xa ao inicio, uns versos que veñen acaídos a estes días e aos desexos que temos de sentir a liberdade:
“spleen
apenas atopo transos xa
preciso longas vacacións
de cruceiros.
contemplar a altura
dos simples edificios de sublimes
liñas brancas. A curta transcendencia
de Hopper.
preciso gozar
do estático aburrimento
de calquera tarde sen mundo
ao que apelar”
Tendo sempre a relacionar os libros co contexto no que chegan a min, e neste caso resulta moi proveitoso ler a Baceiredo xusto nos días estraños que habitamos. Neste sentido, Libro de horas lémbrame un pouco a esoutro que publicou a gran Nélida Piñón, escritora brasileira, no que condensaba as súas reflexións e vivencias. Salvando as diferenzas, estes dous libros poderían lerse case xuntos, aínda que un sexa narrativa e outro poesía, pois recompilan o sentir da vida, evocan sensacións, colleitan momentos. Non sei por que, mais tamén atopo un certo parecido entre estes poemas e as fotografías de Henri Cartier-Bresson,quen defendía os ‘instantes decisivos’ para a captura de imaxes. E é que a vida está aí, tan só fai falla unha boa ollada, estar sempre atentos.
Este poemario incita á acción, e sobre todo reivindica a necesidade que temos de sentir o que pasa ao noso arredor: “cómpre erguerse axiña / e adorar o amencer / observa as formas / do símbolo /non as derivadas palabras”.
E, por último, creo que os versos da autora se poderían situar tamén nesa reflexión interna sobre o paso do tempo. Acaso se poden condensar as horas nun libro? Acaso a poesía detén o tempo imparable? Sigo reflexionando, pois a poesía ten múltiples lecturas e esta é a destes días.
Ficha técnica
Autora: Rebeca Baceiredo
Ano de publicación: 2019
Editorial: Urutau
Número de páxinas: 60