Entrevista X. M. Xespi, coordinador do Entreverbas: “O obxectivo é achegar ao noso entorno expresións culturais que non se poden desfrutar nas aldeas”

X.M. Xespi, coordinador do "Entreverbas"

Levar a cultura ás aldeas e aos espazos máis pequenos é o reto que temos por diante. Por iso, para os que cremos no rural como forza viva, resulta esperanzador atopar proxectos como o Entreverbas, que naceu fai catro anos da man da Asociación Xerme da Cabreira, no municipio pontevedrés de Salvaterra, e que continúa agora da man de Xanela Iniciativa Cultural. O obxectivo é ambicioso e fermoso á vez: achegar expresións culturais que a miúdo non se atopan nas aldeas, e implicar á veciñanza. 

O coordinador e alma mater desta marabillosa experiencia cultural é X.M. Xespi, afeccionado ás lecturas que emocionan e á fotografía, entre outras disciplinas artísticas. Ademais, escribe pequenos textos poéticos, algúns deles premiados en certames literarios, e colabora en publicacións poéticas colectivas e nunha revista fotográfica dixital.

Pregunta (P): Por que xorde a iniciativa cultural Entreverbas hai xa catro anos?

O ENTREVERBAS nace como unha actividade dentro da proposta cultural anual da Asociación Veciñal Xerme de Cabreira. Naquel ano formaba parte da Directiva da Asociación e organizar un evento deste tipo era un dos obxectivos que nos propuxemos. Esa foi a semente do proxecto.

(P): Cal é o equipo que está detrás deste proxecto e con que obxectivo traballades?

Somos principalmente un grupo de amigas e amigos que sumamos esforzos cada un dende as posibilidades e dispoñibilidade que ten. É certo que persoalmente levo a coordinación da programación pero conto co apoio e colaboración indispensábel do resto para que toda esta aventura sexa realidade. O obxectivo é achegar ao noso entorno expresións culturais que a miúdo non se poden desfrutar nas aldeas.

(P): Cales son os criterios que empregades para elixirdes ás persoas participantes?

O ENTREVERBAS pretende ser a festa da palabra na voz dos seus protagonistas. Polo tanto tentamos que xs participantes que veñen nos emocionen, que nos transporten, que as súas verbas e presenza deixen pouso nos que escoitamos. Igualmente coas actuacións musicais e co resto de disciplinas que imos incorporando.

(P): Traballades arreo para que o rural sexa un espazo de cultura e de convivencia. Entendo que esta é unha das ideas principais arredor da que pivota o Entreverbas, non?

Pois si. Esa é unha das razóns da existencia do ENTREVERBAS. A miúdo este tipo de propostas só se poden desfrutar nas vilas e cidades. Nós queremos achegalas ao rural, á nosa aldea pensando na veciñanza porque cremos que a cultura debe chegar a todos os lugares sen exclusión.

(P): Fai pouco constituístes unha nova asociación cultural, Xanela. Que promete no futuro inmediato?

Creamos Xanela, Iniciativa Cultural como un soporte no cal encaixar as nosas propostas e ideas. O ENTREVERBAS, por exemplo, naceu dentro da Asociación Veciñal Xerme pero no momento que nós deixamos de formar parte da Directiva o evento corría o risco de non ter continuidade e a nosa intención é que iso non pasase. Por iso decidimos constituír Xanela, para que propostas como o ENTREVERBAS e outras que poidan vir se enmarquen na estrutura dunha Asociación Cultural rexistrada, ademais de poder optar a axudas das diferentes institucións.

(P): Foi positiva a resposta da cidadanía polo voso proxecto?

Moi positiva. Tendo en conta que somos unha aldea de pouca poboación non nos queixamos. Ademais percibimos que a curiosidade e o interese medra ano a ano e vai sumando xente. Estamos contentos coa resposta.

A poeta Antía Otero na pasada edición do Entreverbas
A poeta Antía Otero na pasada edición do Entreverbas

(P): O rural perde a diario vida xa que moitas persoas vanse ás cidades na busca doutro estilo de vida. Cales son as medidas que favorecerían, ao teu parecer, que se recuperase unha forma de vivir máis sosegada e apegada ás nosas orixes?

É complexo. Supoño que principalmente as persoas teñen que sentir esa necesidade de vivir no rural. Pero logo dende as institucións deberíase apoiar e axudar na compra, alugueiro ou rehabilitación de vivendas. Menos trabas e máis facilidades para que sexa atractivo poboar as aldeas.

(P): Cal é a clave para mesturar con éxito varias formas de expresión culturais como a poesía, o cinema ou a fotografía?

A palabra. Esa é a chave. O nexo que todo o une. No ENTREVERBAS achegámonos a diferentes expresións artísticas pero todo xira arredor das verbas. Proxectamos, expoñemos, pero sempre conversamos, porque nos interesa a visión dos autores e autoras non só das súas obras senón tamén da vida en xeral.

(P): De que actividade estades máis orgullosos na organización do Entreverbas?

Non poderiamos elixir. Poñemos todo o empeño en cada peza que conforma o evento. Pero si que hai algo do que estamos moi orgullosos e é do agarimo que nos amosan xs participantes logo de pasar polo ENTREVERBAS. O vínculo que se crea e os afectos recibidos, tamén do público, fainos inmensamente felices.

(P): Que evento/s estades argallando para o futuro máis próximo?

Pois retomaremos as actividades a comezos do ano novo repetindo experiencia na Panadería Fdez. Riveiro. Gústanos sacar a cultura dos lugares habituais para levala a espazos de tránsito cotián. Hai un ano presentamos o poemario Nomes de Fume de Míriam Ferradáns na panadería e a experiencia foi tan positiva que voltamos cunha nova presentación. Así que xa sabedes, agardámosvos!

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.