Todas as persoas podemos aprender a debuxar, pero o sistema educativo pónnolo realmente difícil. Así define a ilustradora Luz Beloso o estado da arte no noso país, que está sometido sempre a recortes e a cuestionamentos en torno á súa necesidade. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, exerce como mestra de educación artística nun instituto de secundaria, labor que combina coa súa faceta de pintora e ilustradora.
Activista das palabras e das emocións, Luz Beloso ten participado xunto a escritores como Miguel Ángel Alonso Diz ou Iria Collazo en proxectos e libros ilustrados destinados ao público infantil e xuvenil. Conversamos con ela sobre a ilustración e o que a leva a crear.
Pregunta (P): Que é para ti a ilustración?
Unha fermosa maneira de contar historias, comunicando ideas a través da imaxe, e de estar en contacto coa xente. No meu caso, o traballo maioritariamente vai dirixido a un público infantil, e isto fai que o feito de ilustrar sexa aínda máis especial, pois non existe nada máis auténtico có sorriso dunha nena ou dun neno.
(P): Como abordas a tarefa de poñer imaxes a unha historia?
O proceso creativo é coma a engrenaxe dunha maquinaria, ponse a funcionar o mesmo día no que les o texto. Hai moitas horas de traballo detrás de cada libro e moita ilusión posta en cada ilustración.
Despois da lectura, reflexiono sobre o estilo de ilustración, que gama de cores vou utilizar ou que técnica é a máis axeitada para o novo encargo. Traballo desde o principio pensando na unidade e valorando o libro como un obxecto, sen esquecer a fase de documentación e bosquexos previos ao story de todo o conxunto, xogando ca disposición do texto, buscando un ritmo visual e traballando desde a coherencia .
(P): Cal foi o proxecto literario máis ilusionante no que traballaches?
É moi difícil elixir un só, posto que cada libro publicado é sentido coma un fillo/a, cada un é único e especial. Normalmente os que máis disfruto son os traballos nos que aprendo algo novo e supoñen un reto, permitíndome crecer.
Vou nomear un par de traballos que reúnen as condicións do antes citado :
María Vinyals, un talento rebelde, de Isabel Blanco, editado por Belagua a grazas Edurne Baines, que contou co asesoramento histórico de Silvia Cernadas. O coñecemento da súa historia da man da xenial Isabel fixo que cada día lle quixese un pouco máis, tanto, que a última ilustración do libro deu paso a un gran baleiro.
O outro é A casa do paralelo 54, de Iria Collazo, editado por Galaxia. O reto foi pasar da cor ao duotono, e darlle vida a uns entrañables personaxes que saen da incrible imaxinación de Iria.
«O proceso creativo é coma a engrenaxe dunha maquinaria, ponse a funcionar o mesmo día no que les o texto. Hai moitas horas de traballo detrás de cada libro e moita ilusión posta en cada ilustración».
(P): No álbum infantil, as persoas que ilustrades tedes tanta importancia como o autor dos textos. Cres que a sociedade o percibe así ou que aínda queda moito para a normalización da profesión?
Esta pregunta-afirmación creo que é moi necesaria, xa que queda moito por normalizar, é unha profesión pouco respectada, e con isto non podo evitar mencionar a parte de responsabilidade que lle corresponde ao noso sistema educativo.
A pesar de que vivimos nun mundo visual , o seu estudo nas aulas perde peso, sendo a súa presenza a día de hoxe moi reducida. Esta carencia déixase ver en todo, desde a valoración da arte, a manipulación da publicidade, ou o recoñemento dun traballo como é o do ilustrador/a.
Nisto queda moito, pois, moito por facer. Aínda hai editoriais, librarías e mesmo profesores/ as que comparten algunha novidade ou traballo no que a ilustración está presente con forza, como é o caso do álbum ilustrado, e non citan ao ilustrador/a, condenándoo á invisibilidade .
Outro dos problemas é a utilización de ilustracións sen citar ao autor /a ou pedirlle o seu permiso para subilo a un blogue ou unha páxina. A xente ten que entender que as imaxes teñen dono/a.
(P): Que define a túa forma de ilustrar? Como abordas cada un dos proxectos e canto tempo invistes neles?
Nunca me iniciei nunha procura dun estilo para ilustrar. Son o resultado de anos de debuxar a diario, da experimentación con diferentes técnicas, de tempo de traballo e de formación Non ten importancia para min se me recoñecen ou non, se estou ou non á moda, só me interesa ser fiel á miña propia evolución, sendo sincera, tentando non repetirme e ilustrando aquilo que me gustaría ver se eu fose de novo unha nena.
O tempo investido oscila dependendo do proxecto e do meu horario. Durante as vacacións de verán son máis produtiva . De feito en dous meses acabo de ilustrar un álbum ilustrado en Portugués e un libro xuvenil de Xoán Babarro, unha novidade da editorial Galaxia para este outono .
(P): Tamén te iniciaches na elaboración de booktrailers. Como resulta a experiencia?
O de facer booktrailers é a consecuencia lóxica do meu labor como docente. Traballo moito na creación do audiovisual na aula, e intento ir cos tempos nos que vivo para conectar co meu alumnado.
Creo que nunha era audiovisual onde as mozas e mozos son seguidores de canles de youtube , faise necesario ter presenza audiovisual para promocionar o teu traballo.
(P): Tes traballado en proxectos conxuntos con Miguel Ángel Alonso Diz, cun claro compromiso social, entre os que destaca Mel, una mosca agradecida ou, máis recentemente, Piratas no recreo. Cres que a literatura infantil pode axudar a concienciar sobre certas realidades do día a día?
O álbum ilustrado é unha ferramenta marabillosa para educar, non podo evitar que aqueles proxectos nos que a educación en valores esta presente sexan aos que máis corazón e ilusión lles poño.
Piratas no recreo é un proxecto que xorde da inquietude de ambos para visibilizar e naturalizar a realidade trans, tratando de TRANSformar o mundo a través da poesía e da ilustración, dirixido a crianzas, pais, nais e a profesorado que o queira levar á súa aula. Abrazar a diversidade en educación faise necesario e cada vez é máis o profesorado que toma conciencia disto. Hai pouco xurdiu da man de Denis Vicente e Ana Ojea unha iniciativa moi necesaria na que xa estamos máis de 60 profesores e profesoras de toda Galicia, unha rede educativa de apoio LGTB+ para traballar a diversidade afectivo sexual, familiar ou de identidade de xénero. Algo está a cambiar e non pensamos dar nin un paso atrás.
(P): Ademais de ilustrar libros, dedícaste á docencia. Que consideración teñen as xeracións futuras sobre a arte?
Debuxar é saber mirar, é coñecemento. A debuxar apréndese, non é ningún don co que naces. Todas e todos podemos aprender a debuxar, só que o sistema educativo actual pónnolo realmente difícil machucando a Educación Artística.
A final de curso, un alumno de primeiro da ESO díxome: «Eu son un artista”. Esa afirmación é a miña meta cada novo curso, quero que a súa arte sexa útil, que amen a materia, que non deixen nunca de crear. Como dicía Joseph Beuys: «Todo ser humano é depositario dunha forza creativa”. Trátase de gozar aprendendo, sen medos, con confianza, con liberdade.
(P): No teu currículo contas con moitos recoñecementos. Que supoñen estes premios para ti?
Mestúranse dous sentimentos , gratitude e responsabilidade.
Lembrando á miña admirada @londones “Ubunto, eu son porque nós somos”, en educación a mellor forma de traballar é colaborando. Os premios non significan nada se non se comparten ou se un traballa en solitario. O ser premiado afírmache que estás no camiño correcto e este sempre está á beira do o teu alumnado.
(P): Como acabar con ese mantra de “traballar por amor ao arte”?
Ilustrar é unha profesión como calquera outra, destinado a un produto que vai estar á venda e que xera unha serie de beneficios, ás editoriais, distribuidoras e librerías. A ninguén se lle ocorrería dicirlle a un fontaneiro, electricista ou na tenda da esquina que os vas a compensar con recoñecemento ou con visibilidade se che fan o traballo gratis. É tan sinxelo como entender isto , o demais é abuso e explotación.
(P): Es positiva ou negativa con respecto á saúde da ilustración na Galiza?
En canto a talento a saúde é moito máis que boa, temos grandes ilustradores e ilustradoras en Galicia, artistas que son xa un referente tanto dentro da nosa terra como fóra dela. Aínda así esta profesión ten un problema relacionado coas prácticas abusivas.
«O álbum ilustrado é unha ferramenta marabillosa para educar, non podo evitar que aqueles proxectos nos que a educación en valores esta presente sexan aos que máis corazón e ilusión lles poño».
(P): En que proxecto andas somerxida actualmente?
Agora mesmo estou de novo traballando con Miguel Ángel Alonso Diz nun proxecto coordinado por Cristina Palacios, presidenta de Arelas. Trátase dun traballo moi necesario para concienciar a mozxs de realidades pouco visibles.