“Polo Correo do Vento”, contacontos para axitar as conciencias

Carlos Taboada e Enrique Mauricio, grupo Polo Correo do Vento

Con dez anos de traxectoria ás súas costas, o dúo de Polo Correo do Vento, conformado por Enrique Mauricio e Carlos Taboada, pode presumir de ser xa un referente na sección dos contacontos ilustrados, sesións nas que pequen@s e maiores gozan da historia ao tempo que reflexionan sobre a realidade e/ou o pasado. A súa teima por crear e a querenza por un poema de Aquilino Iglesias Alvariño, levounos a formar un grupo xa moi querido por todas as persoas que descobren a diario os seus espectáculos. Unha experiencia da que gozan e que complementan coa publicación de libros da súa autoría nos seus selos Polo Correo do Vento e Lela Edicións, entre os cales destaca a colección de Mulleres Galegas, que pronto se verá ampliada cun novo título. Ecoloxía, feminismo, memoria e tradición son as catro patas sobre as que se asenta a súa forma de ver o mundo e as súas creacións.

Pregunta (P): Como xorde o grupo Polo Correo do Vento e por que este nome?

Enrique Mauricio: Nace de cando presentamos as nosas primeiras publicacións á editora Helena Pérez. Ela foi quen nos amosou o poema de Aquilino Iglesias Alvariño titulado “Polo Correo do Vento” e, como tiña que ver coa temática dos libros e nos encantou, así quedou.

(P): Realizades moitas xeiras de contacontos ilustrados para a rapazada. Como os levades a cabo e que temáticas vos interesa tratar?

Carlos Taboada: Somos uns privilexiados. Gústanos ler, escribir, contar, debuxar, pintar, viaxar, gozar da música, da gastronomía… e iso é o que facemos. Temos a sorte de dispoñer desa liberdade, e ademais a certeza de que se che apaixona algo, se te divirtes, o público tamén o fará. Por iso as nosas temáticas van dende a ecoloxía, o coidado do medio ambiente, ata a recuperación de figuras da cultura de noso, a memoria. Temas dos que nos gustaría saber máis, ter máis conciencia.

Se escollemos o que nos apaixona teremos máis posibilidades de facelo ben, de conectar.

(P): Sempre buscades a interacción co público. Ao longo destes anos de traxectoria, que foi o máis fermoso que vos aconteceu nunha sesión de contacontos?

Enrique: A interacción é fundamental no noso traballo. As nosas actividades son primeiro lúdicas e logo didácticas, e para iso estamos sempre vendo como vai o contacontos ilustrado. Canto máis interaccionen mellor. O certo é que temos unha marabilla de traballo. Recordo un día no hospital, cando unha nena moi enferma lle comentou ao seu pai que o pasara xenial; ver a cara dese pai non ten prezo.

(P): As vosas historias teñen sempre unha forte compoñente de compromiso social. Credes que desde a cultura se poden mover conciencias?

Enrique: É o que pretendemos. Primeiro a historia ten que ser divertida, pero sempre temos unha mensaxe social para os pais e nen@s.  Pensamos que facemos o mellor traballo do mundo pero ten que ter unha compoñente ética, non traballar para todos e non dar determinadas mensaxes contrarias á nosa ética. Por exemplo, nós non traballamos para empresas contaminantes que son negativas para o país.

(P): Como é o proceso de integración entre as ilustracións e as historias? Hai unha parte de improvisación ou está todo preparado?

Enrique: Agora co paso dos anos (xa son dez) hai moita improvisación a partir dun esquema moi marcado. A improvisación achega frescura ao contacontos ilustrado … ti tes que ter claro o esquema inicial, o principio e o final, e a partir dese momento podes saír e voltar á historia. Agora si, no principio da nosa carreira estaba todo MOI MOI MOI preparado.

“Nós tratamos de achegarnos a aquilo que dicía Agustín Fernández Paz: ser capaz de contar historias para o público infantil pero que me poidan interesar como adulto”.

(P): Colaborastes na confección dun mural das mulleres na cidade de Pontevedra. Contádenos, de onde xorde esta iniciativa e como resultou o proceso de creación?

Carlos: Como case sempre, todo comeza cunha lectura, cun libro. Neste caso, Do gris ao violeta, editado polo Concello de Pontevedra. A historia das mulleres da nosa cidade era case na súa totalidade descoñecida para nós. A vergonza desta ignorancia e a fascinación pola descuberta das diferentes vidas recollidas no libro déronnos azos para desenvolver un proxecto que as levase ás paredes da cidade. Xunto con Rei Zentolo e o Concello de Pontevedra, puxemos en marcha o deseño dun mapa simbólico que recollese estas historias. Para a súa realización contamos con artistas locais como Tania Solla e Belén Veleiro, e mesmo fixemos unas xornadas con familiares e a veciñanza. Unha marabilla.

(P): Ademais destas accións de rúa, o grupo Polo Correo do Vento conta xa con algúns libros publicados. Cando e de que xeito decidides publicar unha historia? 

Enrique: Primeiro traballamos con editoras como Xerais, Galaxia e Do Cumio, e  dende hai tres anos autoeditamos a partir dos selos Polo Correo do Vento e Lela Edicións.

Pois mira  para publicar buscamos  efemérides culturais: Día das Letras, Día das Artes Galegas, nos que esteamos conforme coa persoa homenaxeada… e logo tamén existen teimas persoais. É o bo de ser autónomos; decidimos o noso rumbo.

“Recordo un día no hospital, cando unha nena moi enferma lle comentou ao seu pai que o pasara xenial; ver a cara dese pai non ten prezo”.

(P): É máis difícil crear para público infantil que adulto?

Carlos: Non o sei, supoño que a dificultade vai variando en cada proxecto sen distincións de público. Nós tratamos de achegarnos a aquilo que dicía Agustín Fernández Paz: ser capaz de contar historias para o público infantil pero que me poidan interesar como adulto. E niso andamos acotío.

(P): Como vedes o estado da cultura e da literatura na Galiza? Sodes positivos ou negativos?

Enrique: Hai cousas positivas e negativas. Temos unha visión positiva pola cantidade de cousas boas e xente que está a traballar pola cultura e lingua do país, como Ledicia Costas, Manuel Rivas, Domingo Villar ou Miriam Ferradáns en literatura; en música Dios Ke Te Crew, Nao, Antón Ke ou Malvares de Moscoso; en murais Cestola na Cachola; en BD Davila e Kiko da Silva …. Hai moitísima xente que traballa día a día profesionalmente, que compite e vive disto. Somos un sector  punteiro ao que hai que ter en conta.

Do que si estamos fartos é de certa visión negativa da nosa cultura: esa de non se vende, non hai axudas, e de queixarse continuamente. Ao mellor hai que revisar contidos e facer unha certa autocrítica.

Nós, por exemplo, consideramos que para o libro galego é importante que tamén se imprima en Galiza e a culpa non a pode ter o público sempre… se non vendes ao mellor a culpa é túa.

(P): A quen admirades culturalmente falando? Cales son os vosos referentes?

Carlos: Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, por esa sabia mestura entre calidade multidisciplinar, memoria, vangarda e compromiso.

(P): E os proxectos máis inmediatos de Polo Correo do Vento? En que andades traballando actualmente?

Enrique: Pois andamos a tope. Acabamos de rematar un mural en Cesantes en homenaxe a Mendinho, imos facer unha publicación adicada a  Carvalho Calero e  outro título da colección Mulleres Galegas que presentaremos en Pontevedra no Culturgal. Tamén andamos a voltas con pequenas campañas de publicidade e dentro de nada comezaremos a traballar de novo con CLESA xestionando as visitas dos centros escolares á fábrica de Caldas de Reis.

Carlos:  E algo faremos tamén relacionado coa visita de García Lorca a Pontevedra, sumándonos ás iniciativas que se están a levar adiante en diferentes recantos do país, iniciadas pola editorial Alvarellos.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.