Entrevista Míriam Ferradáns: “A literatura non só axuda a entender o mundo, é un organismo, un ser vivo capaz de realizar as tres funcións vitais”

Coñecín a Míriam Ferradáns nada máis recalar en Bueu. Estabamos organizando un recital poético e ela aflorou como unha das voces bueuesas máis potentes e interesantes. Despois viñeron os poemarios Nomes de fume e Deshabitar unha casa, e os premios literarios. Era inevitable que unha persoa cunha sensibilidade coma a dela puidese destacar e chegar a ser unha das grandes voces da poesía galega actual. E deixa pouso, pois os seus versos exemplifican a busca da palabra exacta e a contención na expresión dos sentimentos. Conversamos con ela cunha ilusión especial.

Pregunta (P): Os que te seguimos polas redes sociais e te coñecemos persoalmente sabemos da túa querenza polas pequenas cousas e polo rural. Como é o teu día a día? De onde sae a forza para ver a mellor cara da natureza?

O meu día a día é un caos moi ben organizado no que calquera intento de planificación é estéril. Os días nos que non preciso saír de Bon, non o fago. Conto coa sorte de poder traballar aquí pero tamén recoñezo que apostar por facelo no rural supón unha merma en determinadas cuestións como poden ser a económica. Non é unha queixa pero si que é un recoñecemento a quen apostan por quedar a pesares de todas as trabas contra as que teñen que loitar. A miña meta é seguir traballando aquí mentres que os meus veciños entenden todo o contrario: que me quedo aquí porque non podo facer outra cousa. Eles ven a loita na dirección oposta.

(P): Nos teus poemas mesturas as dúas caras do mundo, esa máis amable e a máis terrorífica. Que queres contar cos teus versos?

Para min, escribir é mirar e non hai lugar no que só exista a beleza no seu grao positivo, non sei se me gusta o envés das cousas pero sei que teño certa querencia por elas, gústame a luz, gústame a circunferencia que debuxa unha farola sobre o chan pero non consigo apartar a vista do que está fóra dese contorno debuxado. O meu interese adoita empezar xusto nos extremos, nos bordos desa claridade.

(P): A túa poesía é desas que doen e curan a partes iguais. Cal é para ti a función dos libros? Cres que poden funcionar como terapia nalgúns casos?

Os libros son todo. Que sociedade se pode concibir sen libros? sen todo canto conteñen e supoñen? a literatura non só axuda a entender o mundo, é un organismo, un ser vivo capaz de realizar as tres funcións vitais. Supoño que sen libros todo sería escuridade.

Non sei se poden ser un tratamento, en todo caso creo que iso dependería máis da persoa ca do libro.

(P): En moi pouco tempo fixécheste con dous premios literarios. Que supuxo para ti volver á poesía pola porta grande? Empúxante os premios a seguir escribindo?

Gañar o primeiro dos que falas supuxo o empurrón que precisaba para escribir o segundo…e aí quedamos. Son consciente da sorte que tiven e da que sigo tendo con respecto a estes poemarios. Todo canto acontece arredor deles vívoo coma un regalo, coma unha sorte. Gústame ver como as cousas van fluíndo sen necesidade apenas de intervir nelas e se nalgún momento se estancan e non flúen coa rapidez deixo que a auga pouse que xa sei que non move muíños pero tampouco teño tanto millo por moer.

Non voltei escribir despois de Do tacto (premio Leiras Pulpeiro de Mondoñedo) e creo que os premios e a repercusión que tiveron os libros inflúen nesta situación. Hai algo en min que non me permite enfrontarme á escrita como o facía antes e esta realidade exíxeme ser reflexiva por iso non diría que é un período de seca senón de reflexión. Antes de escribir cunha voz que non sexa a miña, prefiro non volver a escribir.

(P): Na túa columna no Semanario Sermos Galiza escribes sobre o cotián e reivindicas outra forma de vivir desde unha escrita moi poética. Como é a busca do tema do que queres falar e o seu proceso de paso ao papel?

Sempre é sorprendente. Hai unha voz que sobresae durante a columna que case sempre acaba desaparecendo en favor doutras bocas. En canto ao feito de escribir sobre o cotiá é o normal no meu caso. Falo do que sei.

(P): Reivindicas a diario pertencer ao rural nunha época no que xustamente case todo o mundo tira para a cidade. Que facer para frear a despoboación das aldeas?

Respecto, dignificación, orgullo e identidade.

Os primeiros que o deben ter claro son as clases dirixentes. Sempre menten sobre o rural. Sistematicamente. Non teñen interese por saber como funciona o mundo rural, non o ven coma unha opción de vida, só coma un problema. Como lle vou pedir eu a unha adolescente que respecte o rural se ela é a primeira que non se sente respectada por vivir nel? como vai sentir orgullo por pertencer a un lugar empobrecido, baleirado de tódalas cousas necesarias para unha vida digna? Sen sanidade, sen escolas e cunhas vías de comunicacións paupérrimas e en constante retroceso?

(P): Como levas escribir poesía e falar da tribo desde un lugar tan pequeniño como Bon (Bueu)?

Pois esa é a clave, o lugar pequeniño. Hai unha profunda relación de amor ben correspondido entre nós, un enorme respecto e, como dicía antes, só son capaz de escribir sobre o que sei, o que consigo palpar coa palma da miña man. Entón é mellor que o espazo sexa pequeniño.

(P): Nomes de fume ou Deshabitar unha casa. Serías quen de escoller?

Non. Tampouco me levaría a ningún sitio facelo. Teñen un por que e un para que. Para min son poderosísimos exercicios de verdade. E a verdade é só unha realmente, que anaco dela podería elixir?

(P): Cales son os mellores libros, de poesía e narrativa, que tes lido ultimamente?

En poesía Gótico cantábrico de Martín López-Vega, da Ed. La Bella Varsovia e en narrativa El acontecimiento de Annie Ernaux editado por Tusquets. En ambos casos sentín esa mágoa que experimentamos cando lemos algo que nos fascina e vemos que remata.

(P): Que agardamos para 2019 da man de Míriam Ferradáns? Algún proxecto literario en mente?

Si, un par de proxectos moi importantes para min .Teño a sorte de estar moi ben rodeada sempre, de xente á que admiro e aprecio. Así é sinxelo case todo. Ademais seguirei no Sermos normalmente o segundo xoves de cada mes e ir vendo, con calma, que vai acontecendo.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.