As nenas e os nenos dispoñen na actualidade de moitos libros apaixoantes que recollen historias coas que se atraparán de principio a fin. Historias como as de A pequena compaña, de Carlos Labraña, VIII Premio Estornela, na que se recollen moitas das mitoloxías e lendas que están desaparecendo, ao tempo que axudan a repensar conceptos como do dereito dos nenos e nenas á felicidade, a amizade ou as nosas tradicións.
Atopamos aquí unha avoa e un xigante que todas as noites recollen nenos perdidos da rúa para que non durman á intemperie, unha acción que homenaxea ás almas boas. Pero esta labor non está exenta de problemas. Cando unha noite dan con Xoaniña, comeza a perseguilos un malvado equipo dirixido por Chuchona e Papón.
Ao traverso desta aventura de persecución, o autor aproveita para deixar referencias á identidade persoal (Xoaniña recoñece nun momento que “sei que son as miñas pertenzas, pero cando as toco, non podo lembrar os momentos que compartiron comigo”), a función dos contos e das lendas, o destino de cada un de nós e a súa busca, e a necesidade de que os nenos e nenas fagan trasnadas e se divirtan.
A pequena compaña é un libro ateigado de humor, tanto no propio argumento como no nome dos e das personaxes, caso do cociñeiro Marrán, que cociña tan mal que ninguén quere a súa comida. A pesares das súas bondades, acho que o libro podería complementarse cunha maior cantidade de ilustracións, que darían como resultado un conxunto máis atractivo para o lectorado máis novo. Así e todo, é ideal para ensinar aos máis pequenos e pequenas o que simboliza a Coca de Redondela e outros mitos da contorna.
Por último, resulta moi enriquecedor que a historia se conte en forma de teatro, o que funcionaría para que este se revitalizase e se dese a coñecer entre o público máis novo, ao tempo que se podería empregar para representar.
Ficha técnica
Autor: Carlos Labraña
Editorial: Embora
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 120