Contra todo isto

Non se pode negar que Manuel Rivas é un xigante da literatura e do xornalismo, ademais doutros campos nos que tamén destaca amplamente. Se xa me sorprendera co potencial de novelas súas como O lapis do carpinteiro ou Todo é silencio, e tamén con aquel seu libro, mítico xa das facultades de xornalismo, titulada El periodismo es un cuento, agora vén de publicar un manifesto rebelde moi necesario e que é de obrigada lectura para que espertemos do letargo.

Ante a falta de democracia, máis democracia. Esta é a idea que subxace en todos e cada un dos artigos que compoñen Contra todo isto, que se pode entender como un impecable e necesario exercicio de loita contra a eliminación das nosas liberdades, a corrupción dos partidos políticos que supostamente nos representan, a violencia contra as mulleres, a globalización, o pensamento uniformizador, a política do medo, as fendas de desigualdade, o desmantelamento dos espazos comúns, a desmemoria, o racismo, a economía gris e criminal, o empeoramento das condicións laborais, as portas xiratorias, a mercantilización do ensino… en resume, unha recompilación de artigos para a loita cos que todos e todas sentiremos carraxe, ira e moitos azos para mudar o mundo desde as palabras.

Porque está claro, e estes artigos demóstrano, que a información é poder, e por iso é preciso que máis ca nunca fuxamos do pensamento único e activemos a crítica ante cada noticia que saia nos medios de comunicación cada día. Esta crítica apréndese se temos claro cal é o mundo no que queremos vivir e as consecuencias da aplicación de certas políticas.

Contra todo isto empúrranos a non ficar calados, a ver máis alá do que temos diante dos ollos, e a fuxir do conformismo para puxar por un mundo máis xusto. Tamén supón unha defensa do dereito que temos a soñar:

«Todos os dereitos son importantes, mais, se nos amputasen o dereito a soñar, perderiamos todo o resto. As células de soñar están, por sorte, moi repartidas na Terra. Non hai un centro burocrático que dirixa os soños nin unha xerarquía que os determine nin un fondo monetario que empreste soños con xuros. O dereito a soñar, coma unha enerxía insurxente, non pode estar subordinado, non pode ser subalterno, non recibe ordes. E tampouco pretende dominar. Aí, nese ímpeto non predador, detéctase a literatura. A literatura non está no discurso de quen escribe, que pode ser, e non poucas veces é, un predador, senón no corpo do texto».

A busca do cambio dende a palabra é unha característica da literatura e dos artigos xornalísticos de Rivas, un home comprometido co seu tempo e que é quen de aplicar o humor e a poesía para falarnos do máis cotián e levarnos a que pensemos en cousas das que nunca antes nos decataramos. Por iso é o gran mestre do noso tempo. Por favor, non deixedes de lelo!

Ficha técnica

Título: Contra todo isto. Un manifesto rebelde

Autor: Manuel Rivas

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2018

Número de páxinas: 261

 

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “Contra todo isto

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.