Entrevista María Reimóndez: “Os feminismos avanzan, mais os ataques son tamén moi virulentos”

A autora galega María Reimóndez

Escribe desde a conciencia e a reivindicación. María Reimóndez é unha das autoras máis importantes do panorama literario galego, e ten gañado certames tan importantes como o XXXI Premio Xerais de Novela por Dende o conflito, o XIV Premio de Novelas por Entregas de La Voz de Galicia con A dúbida ou o Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu con Galicia en bus, algúns dos máis recentes. Ademais, é fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento, e tamén se encarga de labores de tradución. Unha muller brava e cunha clara conciencia feminista e galeguista, que aplica en todos os eidos da súa vida persoal e profesional.

Pregunta (P): Como é para ti traballar a escrita desde unha perspectiva feminista e nacionalista?

Supón entender a escrita como unha ferramenta máis de intervención na realidade e prestar especial atención aos mecanismos polos cales funciona e se conforma o poder.

(P): Co poemario Galicia en bus gañaches o Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu o pasado ano. Que supuxo para ti este galardón?

Emocionalmente foi un recoñecemento importante por varios motivos. Primeiro porque sempre entendera o meu perfil máis como de narradora que de poeta e dalgún xeito este galardón veu reafirmarme nesta última categoría. Segundo, porque é un poemario fondamente persoal no que debullo o territorio mais tamén a memoria.

(P): Que diferencia atopas cando escribes ensaio, poesía ou narrativa?

Nunca sei como contestar a esta pregunta. En realidade cada libro é un proxecto particular e adopta a forma que o proxecto pide.

(P): Na actualidade o feminismo está collendo pulo. Como ves o presente das mulleres? Aínda queda moito camiño por percorrer?

Creo que dicir que o feminismo “está collendo pulo” é un chisco inexacto. Os feminismos están recollendo décadas de traballo e tamén están reaccionando ante agresións novas e vellas. Cómpre ter ollo, en momentos así, cun feminismo “estético” (xente que se declara feminista sen entender as implicacións que o termo ten de revisión persoal e colectiva dos nosos valores). Os feminismos implican repensar e pensar en conexión cada día.

Dado que “as mulleres” non son un colectivo unificado non podo dicir nada sobre o presente, pasado nin futuro delas. Si podo falar dos feminismos como o maior movemento pacífico de transformación social que vai dende as nenas ata as anciás e percorre clases sociais, procedencias, cor de pel, corpos diversos, orientacións sexuais, identidades de xénero e todos os vectores que unha queira atopar. Será por iso que dá tanto medo e hai quen pasa tanto tempo tentando deixarnos quedar de tolas. Porque os feminismos avanzan, mais os ataques son tamén moi virulentos.

(P): Fai pouco lía un ensaio de Montse Pena Presas no que se dicía que durante moito tempo as nenas non tiveramos espellos nos que mirarnos pois careciamos de libros que tivesen por protagonistas a nenas aventureiras. Onde te observabas ti de cativa?

Xa falei disto hai máis de dez anos, nun artigo que cita a propia Pena Presas http://culturagalega.gal/album/docs/55_04.pdf

Por desgraza, os pasos que se van dando son moi pequenos e aínda hai quen critica que dende a literatura se traballe a diversidade dun xeito amplo e se intente crear unha visión da vida que se arrepoña á óptica patriarcal. Agora pénsase que xa hai moitos libros protagonizados por nenas en papeis non estereotípicos pero o de “moitos” é como mínimo matizable. Abonda con ir a calquera escola e preguntarlles ás crianzas cantos dos libros que len están protagonizados por nenas: moi poucos. Tamén que aqueles que teñen nenas protagonistas moitas veces responden a estereotipos patriarcais. Logo non pode estrañarnos que os nenos e homes se viren violentos cando non están no centro do relato. A literatura ensínalles a ser sempre protagonistas e ás nenas secundarias, o perigo disto é evidente. Eu falo moito disto coas crianzas e adolescentes e son plenamente conscientes de que a literatura introduce un fondo nesgo sexista, ou de como o que a literatura representa non é o que as rodea (por exemplo, na conformación das familias ou na orientación sexual, onde a literatura está nas familias dos anos 50 no canto de representar as das crianzas do século XXI).

(P): Escribir para as idades máis curtas é un traballo máis difícil. Desde a túa experiencia neste campo, que tentas transmitir coas túas historias?

Para min é igual que escribir para persoas adultas, todas as lectoras me merecen o mesmo respecto e non acouto temas por idade, simplemente varía a forma de transmitilos e aí radica a dificultade da LIX. Creo firmemente que as crianzas e adolescentes teñen capacidade para entendelo todo sempre e cando se lles conte de xeito que encaixe coas súas (diversas) experiencias do mundo. Unha das cousas que máis me pode indignar de certos sectores rancios da crítica en Galicia é a constante minusvaloración non xa da LIX senón do gusto e capacidade de discernir de crianzas e adolescentes. Definir obras como “de instituto” para deostalas di máis sobre a visión clasista e denigrante das adolescentes de quen o di que do libro do que se fala.

(P): Como ves ti o estado da literatura galega na actualidade?

Non creo que haxa un “estado” da literatura galega. Creo que hai uns elementos que son evidentes no negativo (os ataques á lingua, ao ensino, a competencia desleal da literatura escrita en castelán, etc.) mais tamén vexo moito activismo e traballo en común ao redor en particular das autoras. Destaco aquí as redes principalmente de mulleres que botan a andar as libreiras, bibliotecarias, docentes, coordinadoras de clubs de lectura ou iniciativas como A Sega na que traballamos críticas e autoras. Estas activistas son as verdadeiras heroínas do sistema e quen no fondo decide o que se le, sen que se lles recoñeza dende as institucións culturais galegas (esas onde, casualidade! sentan sobre todo señores) o seu traballo e criterio literario. A min interésame moito a capacidade que ten a literatura en galego de crear un tecido cidadán subversivo e niso creo que temos un ecosistema único e moito que poñer en valor.

(P): Á hora de escribir un libro, cal é o proceso de selección do tema? Pode máis a inspiración ou a necesidade de escribir sobre algo concreto?

A pesar da teima de moita crítica patriarcal que leva anos tentando deostar o que escribo coa intrigante denominación de “novelas de tese”, en realidade nunca escribo dende unha “tese”. Escribo historias que me interesa investigar, personaxes que van desenvolvendo ao seu arredor un mundo completo. No meu proxecto literario do Ciclo dos elementos ese é o punto de partida, traballar dende as protagonistas, dándolles a cada unha a súa novela, para crear unha historia que só será visible en conexión. Interésanme moito os desafíos formais e a complicidade coas lectoras. Cando encaixa unha historia cunha forma e as dúas cousas me parecen dignas de explorar, entón empezo a escribir.

(P): Sei que participas tamén en clubs de lectura. Que é o que máis che comentan os lectores e lectoras sobre as túas novelas?

Non sabería dicir moi ben porque os comentarios dos clubs de lectura son moi específicos de cada obra, pero tentando tirar algúns en xeral diría que moitas lectoras destacan a incomodidade política do que escribo. Por exemplo, con A dúbida moitas lectoras afirman o duro que é ler o libro polo tema que trata pero o importante que lles resulta esa incomodidade. Obviamente, e tendo en conta a composición dos clubs, o protagonismo de mulleres diversas pero fóra do canon patriarcal é algo que tamén comentan a miúdo. Un comentario que me conmove especialmente é o de bastantes lectoras que recoñecen na escrita a capacidade para presentar protagonistas que nada teñen que ver comigo dende o respecto e a empatía (por exemplo ao fío d’As cousas que non queremos oír). Tamén que escribo dende a esperanza.

(P): Xa sei que non é nada doado elixir, mais poderías dicirnos unha novela/película que fose decisiva para ti como escritora?

Entre o costume e a ruptura de Rachna Mara, que foi o primeiro libro que traducín para Xerais e que me marcou profundamente pola súa estrutura narrativa e a súa visión das relacións entre mulleres a través de espazos coloniais.

(P): Ademais de escritora tes moitas outras facetas. Es fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento. Que supón para ti este labor a prol dos dereitos das mulleres en países como Etiopía ou India?

Supón a realización práctica do transformación do mundo na que creo, liderada por mulleres do sur ás que temos a obriga de acompañar e apoiar desfacendo a nosa mentalidade colonial cada día. A nivel máis persoal supón un proceso constante de autocrítica e de coñecemento e o luxo de que mulleres de diferentes lugares formen parte do meu fogar e me permitan compartir as súas vidas e aprender tantísimo a cada paso.

(P): En que proxectos andas inmersa e que nos agarda no futuro inmediato de María Reimóndez?

Pois sigo coa seguinte entrega do Ciclo dos elementos e algunha outra cousa que aínda está comezando a xestarse pero considerando que neste ano publiquei un poemario (Galicia en bus), unha novela de xuvenil (Fóra do normal) e unha de infantil (O xeito das froitas) creo que teño abondo que atender no futuro inmediato!

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.