Nesta busca incesante da propia identidade e da loita contra o machismo imperante, chega a min Galicia en bus, poemario co que María Reimóndez gañou o XX Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu, e que se erixe como unha proposta moi valente, arriscada e reivindicativa. Así eran tamén as letras de Carballeira, ese alcalde da vila morracense que foi asasinado a mans dos fascistas por defender uns ideais de xustiza nos tempos nos que iso constituía un delito de primeira orde.
Hoxe, máis de oitenta anos despois do seu fusilamento, existe un premio poético e xornalístico que leva o seu nome e que xa conta cunha longa traxectoria, sobre todo porque na súa lista xa atopamos a moitos e moitas poetas de grande importancia na nosa literatura. Tal é o caso de María Reimóndez, unha muller feminista e reivindicativa, ademais de galeguista por enriba de todo. Así se define no poemario gañador, no que fai unha viaxe polas principais vilas galegas en autobús, no que ela se despraza a miúdo, e co que aproveita para realizar unha crítica da terrible situación dos medios de transporte no noso país.
Comeza a viaxe polo seu Lugo natal e vai pasando por lugares que simbolizan o seu propio camiño vital, e que nos dan unha idea de como vai mudando a María Reimóndez que hoxe coñecemos, dende a inocencia ata a toma de conciencia.
“Pequena.
Pícara.
Cativa.
Por esa orde foron
Definíndome as isoglosas
E a do meu avó de Lugo
Chamándome “niña”
Cando quería dicir
“nena”.
A defensa da propia lingua é un dos grandes temas deste libro, no que Reimóndez explora os límites da poesía e mestúraos co ensaio social. A este tema vaise unindo o da loita contra o capitalismo e os grandes imperios que abusan do conxunto das persoas e dos pobos. Contra isto non podemos ficar caladas, senón que temos que erixir a protesta como mecanismo para que o mundo sexa un lugar máis xusto para todos e todas, sen importar as diferenzas.
E, como xa dicía ao comezo, no marco desta viaxe espacial e vital, Reimóndez reflexiona sobre o papel das mulleres, as grandes esquecidas do mundo, e por cuxos dereitos temos que seguir berrando ben alto a fin de que, nalgún momento, por fin nos fagan caso.
“Non somos boas,
Xa non,
Levamos na man a machada e o coitelo
E defendemos o dereito a non ser
As depositarias
Eternas da bondade,
O amor
E os coidados”.
Galicia en bus é o libro de poesía que levaba moito tempo querendo ler, pois nel condénsanse o mellor que ten esta forma de expresión: a reivindicación por un mundo máis xusto a través das palabras. Como a autora ben escribe ao remate do poemario, “transformarei en poesía o meu destino”. E así é.
Ficha técnica
Autora: María Reimóndez
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 111