Novela de xadrez

Stefan Zweig es autor de "Carta de una desconocida"

Descubro un clásico en galego e nunha edición de pequeno tamaño, ideal para ler nunha mañá de praia ou piscina: Novela de xadrez, de Stefan Zweig, editado por Irmás Cartoné, unha pequena editorial que nos trae ao galego grandes novelas.

Descubrín a Zweig en Carta dunha descoñecida, unha novela curta escrita coa mestría de Zweig, que manexa á perfección os xéneros curtos, como é o caso desta Novela de xadrez, na que se mestura a súa capacidade de análise, coa intensidade e o insospeitado.  Lese con máis ansias cando coñeces que esta é a última novela que o autor austríaco deu ao prelo días antes de suicidarse (1941), e tamén porque nela se contan algunhas das experiencias que Zweig tivo perseguido polo nazismo.

A xénese desta novela sitúase nos coñecementos de xadrez dos que dispón o protagonista, quen viaxa nun transatlántico e descobre que alí se atopa o campión mundial de xadrez, motivo polo que deciden retalo ao xogo. A partir desta anécdota aparentemente banal, Zweig é quen de tecer un fío onde se observa o lado máis inhumano das persoas e como actuamos cando estamos sometidas a situacións extremas, nas que a supervivencia se pon ao límite.

O xogo do xadrez vén a ser, pois, unha metáfora da vida mesma, na que hai regras e loita continua entre as pezas (persoas) e nas que gañar ou perder resulta ser o único que semella importar. A supervivencia do gañador, ante o xogo ou ante a vida mesma, sentimentos que o autor manexa moi ben, pois durante gran parte da súa vida tivo que adoptar este papel por enfrontarse ás doutrinas do nacionalsocialismo alemán.

Nesta última obra, Zweig pon en boca do célebre xogador de xadrez unha especie de monólogo no que relata como tratou o nazismo aos intelectuais, ás persoas que tiñan información e algo que achegar ao réxime. Por iso é obra tan necesaria, porque é capaz de contarnos unha realidade axudándose dun caso banal, ata en ocasións infantil.  É aí onde radica a súa forza, e a mestría do autor en formatos curtos pero intensos.

“Pero ninguén pode describir, nin medir, nin facer entender a outra persoa nin a si mesmo a lentitude do tempo no baleiro do espazo, e non se lle pode explicar a ninguén como consome e destrúe este nada e nada e nada arredor dun, sempre a mesa e a cama e a almofía e o papel da parede, e sempre o silencio, sempre o mesmo garda que che trae a comida sen te ollar sequera, sempre os mesmos pensamentos que te cercan no nada até volvéreste tolo”.

Ficha técnica

Título: Novela de xadrez

Autor: Stefan Zweig

Editorial: Irmás Cartoné

Ano de publicación: 2018

Número de páxinas: 81

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.