Marta Dacosta é unha poeta reivindicativa, das que recollen a realidade que lles toca vivir e a converten en protesta. Así o fai dende nos recentes versos do poemario Na casa da avoa, unha advertencia de que é necesario que as mulleres tomemos conciencia do lugar que ocupamos no mundo e do moito que fixemos a prol deste sen que antes se nos recoñecese. Marta escribe unha poesía de loita e, por que non dicilo, de carácter político, na que nos fai reflexionar sobre os lugares ocupados no mundo e a invisibilidade das mulleres que son sometidas, en moitos casos, á ditadura da beleza.
Entrevistar a mulleres coma ela nesta páxina é toda unha honra, pois é preciso que deamos a coñecer as iniciativas e as persoas que puxen pola igualdade, pola reflexión e pola erradicación dos roles machistas e patriarcais.
Pregunta (P): A túa poesía é toda ela moi reivindicativa, soñas con cambiar o mundo desde as letras?
Soño con cambiar o mundo. Até diría que para iso me ergo cada mañá. E a escrita é unha actividade máis, unha actividade en que podemos deixarnos levar polo punto de vista dominante ou abrir unha fenda, buscando a complicidade de quen le, convidándoo a ver a realidade con nós. Eu sei ben que a sociedade non se transforma a golpe de versos, mais os versos non deben ser alleos ao que nos preocupa, e teñen a capacidade de conmover. Son unha ferramenta excelente para reflexionar, provocar, sensibilizar.
(P): Na casa da avoa, o teu último poemario, ten un claro cariz feminista, de tentar visibilizar ás mulleres que o tempo teimou en manter ocultas. Cal é a xénese dos poemas aquí recollidos?
Digamos que o libro nace, desde un punto de vista cronolóxico, cos poemas que aparecen baixo o título de des-tecer. Son poemas que naceron da arela de tirar os veos e mostrar a realidade, a realidade do noso corpo, de como fomos dominadas, de como se converteu en normal o que era unha agresión… Como di o seu título destecer para volver tecer. A partir de aí, foron nacendo diferentes textos que logo atoparon o seu lugar neste libro. Unha vez compilados, outros textos naceron da necesidade de cohesionar o conxunto.
(P): O primeiro poema é unha declaración de intencións, podes explicarnos por que?
Ese é xustamente un dos poemas que naceu cando o conxunto xa se conformara. É como dis unha declaración de intencións, unha advertencia. Utilizo o mito de Medea para deixar claro cal é o hoxe o lugar do eu poético que fala desde o libro, un eu poético que tamén son eu. E ese lugar é o carro da nai, o da muller que inicia unha nova vida recoñecéndose a si mesma e sendo dona do seu destino. Porque hoxe, a escritora dialoga coa súa realidade e toma conciencia do seu xénero, excluído, e conclúe que só pode estar nese lugar, no lugar das mulleres que se rebelan contra a dominación e a negación. É unha declaración literaria, persoal e colectiva.
(P): Mesturas a historia grega coa túa propia historia e a da túa familia. Pode dicirse que é unha homenaxe a todas as mulleres da historia?
Si. Hai unha intención de mesturar e poñer en pé de igualdade a todas as mulleres. Porque todas, desde o lugar que lles tocou ocupar, construíron a historia, sen seren recoñecidas.
(P): A loita e a supervivencia de moitas mulleres foi muda, pasou desapercibida durante moito tempo. Cando é o momento no que te decides a emprender unha loita mediante as palabras?
Para min a arte é unha forma de estar no mundo. Considero que escribir é estar neste tempo e neste espazo, crear desde esta realidade, mostrando a onde pertencemos, quen somos. Por iso, desde o inicio, a miña obra non pode substraerse de ser un diálogo con este contexto histórico.
As amantes de Hamlet (2003) é posibelmente o libro en que a voz da muller está xa moi presente, aínda que en libros anteriores hai textos moi definidos xa. Mais neste libro están presentes varias figuras femininas. Destaca a de Ofelia, pois é nese libro onde comezo falar dela como vítima de maltrato. O libro é dalgunha maneira unha homenaxe ás mulleres como creadoras e transmisoras da literatura e da lingua, por iso ten un peso importante o mundo da tradición oral, a recreación das lendas, algunhas das cales só se conservan escritas neses poemas, lendas de mulleres que aparecen como seres fantasmais xurdindo da auga. Alguén me dixo que era un libro en que había moito sangue, e é certo, porque as mulleres estamos indisolubelmente ligadas ao sangue, e esa imaxe aparece en moitos dos poemas.
(P): O rural e o mar están moi presentes nos teus poemas. Es nostálxica do tempo que foi e xa non é?
En absoluto. Non pretendo trasladar esa idea, mais si valorar como corresponde a nosa procedencia. Demostrar orgullo por todo o que nos caracteriza e define.
(P): Chegou a hora de tirar coa roupa, de mostrar xa o corpo tal cal é, sen maquillaxes?
Sen maquillaxe. Debemos rebelarnos contra a imaxe que nos impoñen e trasladar que a beleza non reside na louzanía ou os estándares métricos que se empeñan en impoñernos. Vivimos dobregadas polas aparencias que se ceban especialmente en nós. E é difícil substraerse. Mais é tempo de mostrarnos como somos, porque esa é a nosa beleza, a beleza do tempo que non nos venceu, a beleza dun corpo que demostra que viviu, coas súas deformidades e cicatrices. Como di un dos poemas, que demostre que vencemos.
(P): Por que ás mulleres sempre se nos esixe a beleza e aos homes a fortaleza? Como podemos rematar coas diferenzas de xénero?
Mostrándonos tal cal somos e aprendendo a convivirmos coas nosas realidades fóra dos estereotipos. Dando exemplo, en cada momento, en cada lugar, de como convivir respectando aos que nos rodean. Sendo empáticas e colocándonos sempre no lugar da outra ou do outro, como táctica de aprendizaxe necesaria para comprendermos o mundo e transformalo.
(P): Fai pouco asistía a unha conferencia sobre a o tratamento das mulleres nos medios de comunicación, onde cheguei á conclusión de que na literatura acontece un pouco o mesmo. Poucas mulleres nos postos de mando, un medo a ser acusadas de sensibleiras, etc. Como ves ti o panorama?
Non vexo outro panorama. Efectivamente son poucas as mulleres que acadan ou acceden a ter postos de responsabilidade. Por un lado, non se considera que esteamos capacitadas. Seguimos estando un paso por detrás, en todo: salarios máis baixos, unha maior taxa de paro, máis pobreza. E outras veces somos nós as que non accedemos a eses postos porque sobre nós está a recaer a tarefa de coidar da familia. Porque hai cuestións que non cambiaron en absoluto. A muller segue sendo o fulcro da familia, precedente e descendente. Traballemos ou non fóra da casa, a nós nos segue a corresponder dar continuidade á familia, sermos elo. E esa sobrecarga acaba por limitarnos, mantendo sobre nós ese teito de cristal que non conseguimos romper.
(P): É difícil romper coas ataduras e defender outro concepto de ser muller hoxe en día? Sen medos e sen prexuízos?
Ten certas dificultades. Nós mesmas somos vítimas da ideoloxía imperante e precisamos desprendernos dela. Como dicía antes hai que ter moita fortaleza para vencer eses prexuízos. Na familia, no traballo, no café sempre atoparás alguén que che vai lembrar eses prexuízos. Porén hai esperanza, porque cada vez hai máis mulleres, e homes, dispostas e dispostos a romper con eles e seguir adiante digan o que digan.
(P): Dise na sinopse de Na casa da avoa que “é unha reflexión tecida sobre tres fíos: o da literatura, o da historia e o da vida”. Que son para ti estes conceptos?
O reflexo do que somos, tres ámbitos que nos devolven unha imaxe completa de cal é a concepción do ser humano.
(P): Ao longo da túa traxectoria destaca a túa defensa da lingua propia. Cres que se está volvendo atrás no uso do galego entre as novas xeracións?
Vivimos nunha situación de conflito lingüístico, de diglosia. Unha situación que, se non é nova, agora caracterízase por termos un goberno que lexisla contra a lingua, impoñendo a falacia do trilingüismo que só serve para reducir a presenza do galego nas aulas, desoíndo todas as advertencias, como as do Comité de expertos para as linguas minorizadas, e todas as propostas e reivindicacións. As estatísticas din que a nosa lingua está cada vez menos presente entre as xeracións máis novas. Nas aulas apenas se escoita. E esta situación vese agravada pola perda de referentes identitarios. Neste mundo globalizado que nos toca vivir, perdemos o contacto cos nosos, perdemos as raíces. E un ser vivo sen raíces, esmorece.
Mais a responsabilidade da situación non está na mocidade, está nas decisión políticas de quen nos goberna e non ten unha estratexia de recuperación da normalidade para a lingua ou se empeña en negar a realidade e cualifica de achaques o que son verdadeiros problemas.
Cómpre seguir evidenciando cal é a situación real, demostrando que o conflito existe, que as persoas que queremos vivir en galego atopamos moitas dificultades. Como é posíbel que a día de hoxe a Garda Civil denuncie a sinaléctica dun concello por estar en galego? Como é posíbel que quen ten a máxima responsabilidade en normalización cale ante iso?
(P): Estás inmersa nalgún proxecto literario do que nos poidas adiantar algo?
Eu son das que sempre está escribindo algo. E si, ando metida nalgún proxecto, mais dese aínda non é momento de falar. O que podo adiantar é que hai outro libro agardando a ser publicado, un libro que se xestou case ao mesmo tempo que Na casa da avoa e no que a memoria tamén ten un lugar importante.