Entrevista María Solar: “Non percibo fenda entre literatura infantil, xuvenil e de adultos”

María Solar, autora de "O meu pesadelo favorito"

Se hai unha voz máis polifacética na Galiza, esa é a de María Solar, xornalista, con estudos de bioloxía e maxisterio, e cunha xa longa traxectoria na literatura. Os seus libros divídense entre os que van dirixidos aos máis pequenos e os para maiores, pero hai neles unhas sinerxías continuas que fan que poidamos lelos indistintamente e como un todo. E isto é así porque hai un elemento común a todos eles, e é a importancia que a santiaguesa dá á divulgación, a esa necesidade de ensinarnos sempre algo coas historias que nos conta. Como ela ben di “é unha necesidade de expresión”.

Sobre xornalismo e literatura e as relacións entre ambos falamos con ela nesta entrevista.

Pregunta (P): Como una xornalista e bióloga recala na literatura?

Con toda normalidade, é unha necesidade de expresión. Sempre lin e escribín. Como sempre fun de ciencias e de letras. Poñémoslle demasiados compartimentos á vida, logo na realidade as cousas pasan con naturalidade.

(P): Tes experiencia tanto na literatura infantil como para adultos, ten diferenzas escribir para uns e outros?

Eu penso en historias que contar, e logo cóntoas de maneira que hai unha idade mínima para comprendelas pero non unha máxima, quen mo impón é a historia. Son libros desde 8, desde, 10, desde 14… pero todos para adultos. Un adulto atopa claves diferentes ao ler un libro como O meu pesadelo favorito, por exemplo e tamén o gozan adultos. Xogo cos niveis de lectura esa é a maior dificultade.

(P): A túa novela máis recente é Os nenos da varíola, na que narras unha das maiores xestas da medicina. É unha homenaxe a todos os que loitaron por avanzar?

É a recuperación da memoria destes nenos que foron levados á outra punta do mundo para poder transportar nos seus corpos a vacina que tantas vidas salvou pero que tamén mudou as deles para sempre. É recuperar a memoria de Isabel Zendal, a reitora da casa de expósitos da Coruña que deixou todo e embarcou con eles. É non deixar que o tempo esqueza ao doutor Posse Roybanes, o primeiro vacinador en Galicia, un home ilustrado, moi avanzado aos seus tempos… hai moito de memoria, de recoñecemento e tamén de lembrar como os avances científicos sempre tiveron visionarios e detractores. Non xulgo a historia no libro, iso queda para o lector, e nada é branco ou negro, pero si quero poñerlle pel e sentimentos ás persoas que a protagonizaron.

(P): Vinte e dous nenos foron os encargados de levar a vacina da varíola a América e eles foron os que sementaron os primeiros grans para que en 1980 esta enfermidade desaparecese do planeta, era necesario contar esta historia?

Era moi necesario. A varíola é a única enfermidade erradicada do planeta cunha vacina, a primeira vez que humanos vencemos por completo un virus, penso que debemos saber como sucedeu e o papel transcendental que España e Galicia xogaron na historia.

(P): Isabel Zendal foi unha muller moi importante nesa xesta, aínda que aquí estaba esquecida. A que se debe isto?

En xeral somos moi dados ao esquecemento. En México o premio nacional de enfermería leva o seu nome, e a OMS considerouna a primeira enfermeira ne misión internacional. Con ela houbo e hai un problema co apelido que o propio Balmis chegou a escribir de maneiras distintas, todos estes recoñecementos, igual que a súa rúa da Coruña teñen mal o apelido. Hoxe sabemos que se chamaba Isabel Zendal.  A súa función foi transcendental, entregouse á causa ata comprometer a súa saúde como o propio Balmis escribiu “coidando día e noite dos nenos nas súas sucesivas doenzas”. Pero estamos no mellor momento para recuperala, non só polos libros, e por diversos actos sobre ela, tamén pola creación recente da Asociación Isabel Zendal para gardar a súa memoria e expandila.

(P): Cónstanos que unha parte da historia destes vinte e dous nenos xa fora contada por Almudena de Arteaga, en que se diferenza a túa proposta?

Máis recentemente contouna tamén Javier Moro. Hai varias novelas que ficcionan estes feitos reais. A miña está contada desde Galicia, ubicada no hospicio do Hospital da Caridade, e co epicentro nos nenos, Isabel e o doutor Posse Roybanes e como mudou as súas vidas a chegada da Real Expedición encabezada por Balmis.

(P): Os nenos da varíola é unha novela áxil, que engancha tanto a pequenos como a maiores, como se consegue isto?

Supoño que é áxil por varias razóns, desde a miña forma de narrar, ata a fluidez coa que a escribín. Levaba tantos anos reunindo documentación que cando sentei a contar a historia decateime de que tiña moi claros tantos aos personaxes reais como aos e ficción e o que quería contar. Por iso tanto un adolescente como un adulto pode lela.

(P): As horas roubadas, publicada o ano pasado, é a túa primeira incursión na novela para adultos, que supón este feito na túa traxectoria?

Supón chegar a outro público que respondeu como non podía imaxinar. Non era unha meta, nin unha necesidade, nin un chanzo que subir, era simplemente que quería contar unha historia que non era para ser lida por un neno/a, e con esa naturalidade a escribín. Non percibo fenda entre a literatura infantil, xuvenil e de adultos.

(P): “A rutina esmaga os sentimentos, esgota amores, insensibiliza as persoas, enxordece os berros, fai normal o anormal e consegue que un se acostume a vivir como vive e non loite por outra cousa”, escribes n’ As horas roubadas. Abúrrete a rutina?

No laboral teño a sorte de traballar no oficio menos rutineiro do mundo: o xornalismo. Cambiei moitas veces de equipo, de programa, de función, mesmo de medio da radio a tele e viceversa. No persoal as únicas rutinas boas son as dos nenos e os seus horarios necesarios, pero no resto, e sobre todo no amor, hai que fuxir das rutinas, hai que esforzarse diariamente, sorprender, coidar, mimar igual que coas amizades ou co ocio. Aceptar a vida como unha rutina paréceme desperdiciala, ás veces hai que expoñerse e cambiar.

(P): Ademais de escritora, desempeñas o teu traballo no ámbito xornalístico, que teñen en común a literatura e o xornalismo?

Para min teñen en común a comunicación cos demáis. Nos dous casos o meu esforzo é por comunicar, non só contar.

(P): Es unha persoa moi activa nas redes sociais e tamén no contacto cos lectores/as, con presenza en presentacións e visitas aos colexios. Con isto afástaste da idea do escritor/a inalcanzable, como ves actualmente o sector da escritura e da literatura?

Eu aliméntome de escoitar aos lectores, aprendes. Non visito moitos centros escolares por falta de tempo, e tamén tiven que dicir que non a moitas presentacións porque tes vida persoal e non é posible, pero gústame estar coa xente que é para quen escribes.o sector véxoo nun momento de expansión marabilloso, eu estou orgullosa de cada compañeira ou compañeiro que trunfa, de cada tradución, de que cada un co seu estilo construamos un mundo de historias que saen de Galicia.

(P): As túas novelas están xa traducidas a múltiples linguas, e de feito Os nenos da varíola saíu publicada á vez en galego, castelán e catalán, como se consegue ter presenza en tantos países?

Conséguese porque as historias son universais. Un libro ambientado en Santiago no ano 79 como As horas roubadas, e escrito en galego, lese en Polonia; outro sobre os pés como Teño un pés perfectos, tamén escrito en galego vaise traducir para China ou Portugal. Creo que a normalidade é que a literatura non teña medos polo idioma ou a orixe, o único decisivo debe ser a calidade.

(P): Os teus libros teñen tamén unha clara función divulgadora, ten que ver isto cos teus estudos de xornalismo, maxisterio e bioloxía?

A primeira función dos meus libros nunca é a divulgación, a non ser que sexan ensaios, é a literatura. O que si fago é levar á literatura con toda naturalidade cuestións científicas, como as pode haber filosóficas ou doutra índole. Creo que fai moito mal o afastamento entre ciencias e letras. Eu non podo mutilar partes de min, o xornalismo forma parte de min, como os estudos de bioloxía ou de maxisterio, como as boas e as malas experiencias, as persoas ás que puiden coñecer e entrevistar grazas á miña profesión, todos os sucesos, historias e vidas que me contaron diante dun micro… todo iso son eu, e inevitablemente está nos libros e agroma entre as personaxes.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.