Carson McCullers, autora de "A balada do café triste"
Carson McCullers, autora de “A balada do café triste”

Este ano celébrase o centenario do nacemento da gran escritora Carson McCullers, data na que tamén se cumpren cincuenta anos do seu pasamento. Con motivo desta eferméride son moitas as reedicións da súa obra, polo que a súa escrita está tendo máis repercusión entre os seus seguidores, ao tempo que chega a novos perfís.

Eu, que xa descubrira a súa fermosa pluma no libro El corazón es un cazador solitario, volvo agora á que é outra das súas obras mestras, A balada do café triste, e fágoo na miña lingua,  da man da editorial Rinoceronte, que leva feito un gran labor a prol da tradución de moitas obras exitosas contemporáneas á lingua Galiza.

A balada do café triste inclúe unha novela curta na que se evoca a soidade e o sufrimento dos personaxes por este motivo. Amelia, a nosa protagonista, é unha muller que está entre dous homes e pasa os seus días nun café, que é o único espazo no que se sente acompañada verdadeiramente. Mais ela é unha muller que gusta da soidade, tal e como manifesta en varias ocasións.

“Non lle faltaran pretendentes, pero á señorita Amelia traíaa sen coidado o amor dos homes; era unha persoa solitaria”.

A soidade pode ser buscada, mais na maioría das ocasións non é algo bo, como se ve no relato titulado Madame Zilensky, no que se conta como unha muller mente para finxir que ten unha vida máis divertida do que é, ou Un dilema doméstico, que narra a triste vida dun home que se sente só e sen saber que facer mentres a súa muller bebe ata a extenuación, ou mesmo esa nena de Wunderkind que quere volver tocar o piano como o fixera tempo atrás, no que prometía ser un talento.

A balada do café triste é unha manifestación brutal do estilo de Lula Carson Smith, máis coñecida como Carson McCullers, esa grandiosa escritora que foi pioneira en tratar temas como a homosexualidade, o racismo, o adulterio ou o alcolismo, converténdose pois na gran retratista do sur profundo dos Estados Unidos de América. Ela non dubidou en baixar ás cloacas, en tratar os temas universais e en darlle voz a persoas que habitualmente non a tiñan. As súas novelas son ficción, mais ben poderían clasificarse no xénero xornalístico.

“Hai unha clase de persoas que teñen algo que as diferenza do resto dos mortais. Esas persoas teñen un instinto que normalmente só se ve nos cativos, o instinto de establecer un contacto inmediato e vital entre eles e o resto do mundo”.

Ficha técnica

Título: A balada do café triste

Autora: Carson McCullers

Ano de publicación: 1951

Ano de edición: 2013

Editorial: Rinoceronte

Número de páxinas: 178