A soidade das medusas

Iria Collazo López, autora de "A soidade das medusas"

“Só. Illado nun mar de edificios, sen faro ningún que procurar”. Fálanos aquí unha voz narradora que describe a soidade que sente un escritor que está pechado contra a súa vontade nun apartamento no medio dun mar de rañaceos. Con el comeza a nova novela de Iria Collazo López. Digo novela á mantenta, porque xa sei que moitos me han dicir que se trata dunha compilación de relatos. Explicarei entón este “erro” deliberado.

A soidade das medusas está concibido como un libro de seis relatos, nos que se narran desde distintas ópticas as historias dunhas personaxes que teñen como eixo común a soidade, e como este sentimento atrapa as nosas vidas nalgún momento. Son historias que aparentemente non teñen nada que ver, mais que se un le atentamente pode decatarse rapidamente de que ben poderían ser parte dunha novela, e relacionarse entre elas. Non en van hai certas pistas que nos remiten duns relatos a outros.

Ao traverso destes contos, a autora explora algúns dos temas máis universais da literatura e da arte en xeral. Tal é o caso do paso do tempo, ese fenómeno que bule en contra nosa e que parecera que actúa para facernos dano; ou esa mirada do escritor perante os pequenos detalles, os que fan que as nosas vidas se diferencien entre si.

O lector ou lectora que decida somerxerse en “Náufrago”, “Ave de paso”, “Protagonismo”, “Toc”, “O avó” ou “Sweet child of mine”, deberá saber que se atopará nunha encrucillada na que é posible que sucedan todo tipo de cousas, ou non. Xa nolo advirte a autora coa cita da filósofa María Zambrano que se inclúe no inicio, e que di así: “todo tiene derecho a ser hasta lo que no ha podido ser jamás”.

Para que ese ser ou non ser se aclare, acompañan o libro as marabillosas ilustracións de Luz Beloso, que xa comezan a funcionar como unha marca propia.

“Olivia sentou no banco removéndose coa certeza de saber que en moi pouco tempo acabaría por converterse totalmente en borralla. Se cadra esvaeceríase no medio do concerto. Sorriu coa súa ocorrencia deixando nas comisuras dos beizos un pouso de pena. De seguro que a súa fama post mortem se acrecentaría ata límites insospeitados”.

Ficha técnica

Título: A soidade das medusas

Autora: Iria Collazo López

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2016

Número de páxinas: 79

 

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.