«Resultábame imposible esquecer os ollos de Xoana, alegres, dispostos ao atrevemento. A actriz Audrey Hepburn fora o meu ideal de muller guapa. Xoana lembrábame a Audrey Hepburn, pero tiña unha chispa, unha presteza, unha réplica latente que eu non asociaba coa famosa artista».

Así comeza a chispa do amor descrita polo sueco Staffan Mörling no seu libro Namoreime en Ons, traducido ao galego pola Editorial Cumio. Nel cóntanos a súa chegada a Galiza e, en concreto, o seu namoramento das illas Ons e de Xoana, esa rapaza que semella Audrey Hepburn.
Staffan Mörling é un sueco nado en 1936 en Karstad e que herdou do seu avó materno un grande interese polos temas históricos e, da nai, unha notable sensibilidade cara aos idiomas. Estudou Latín, Historia da Arte e Antropoloxía. Por este motivo acudiu a Galiza para documentar as embarcacións tradicionais. Todo comeza en Ons, onde coñece a dorna, esa pequena embarcación desta illa, cun vocablo que lle facía lembrar o antigo vocablo escandinavo «norna», palabra que alude ás mulleres mitolóxicas que os viquingos se imaxinaban sentadas baixo unha árbore e dedicándose a ganduxar os destinos dos homes.
Mörling namorouse das Ons e da súa muller, Xosefa Otero. En recoñecemento dos seus méritos como profesor de Idiomas da Escola Naval Militar de Marín, foi galardoado coa Cruz do Mérito Naval. Ademais, o Concello de Bueu nomeouno Fillo Adoptivo e deulle o seu nome a unha das súas rúas.
Nesta historia atopámonos cun mozo que describe o seu amor por unha terra, por unhas xentes, por unha forma de ser, por uns costumes e por unha muller. Namoreime en Ons é puro amor, pura descrición da maxia dos primeiros momentos dos amores, dese loitar por ser aceptado nunha sociedade que non é a túa. Mörling describe ese ‘tira e afrouxa’ para conquistar a Xoana, para conseguir que o amor triunfe. Este libro tamén deixa entrever o mundo dos anos 60 e a forma de ser dos habitantes das Ons, un mundo máxico e a miúdo supersticioso, onde destaca a unión das súas xentes, pero tamén o atraso noutras moitas cuestións.
Sen dúbida, esta historia transpira sentimentos, emoción, maxia, romanticismo e forza de vontade, ao tempo que vemos a memoria e os recordos máis tenros.
«Escuridade, silencio…, aínda non me descubrira ninguén. Sen o menor ruído, como un ser do ceo, aparecía Xoana diante de min. Axeonllábame ante ela, collíalle unha das súas mans e bicáballa coa mirada posta nos seus ollos escuros.
-Téñome que ir.
Desaparecía. Tres palabras entre catro ollos. Eu quedaba feliz para unha semana.»
Ficha técnica
Autor: staffan Mörling
Editorial: Cumio
Ano de publicación: 2015 (en galego)
Número de páxinas: 215