Recoñecer(se) nas vulnerabilidades

As que lemos Non temerás os coches amarelos, de Marta Villar, descubrimos a unha escritora que daría moito que falar, sobre todo porque era capaz de poñer o foco no inusual, naquelas cousas nas que aparentemente non se fixa ninguén pero que están aí. Dende o seu oficio de xornalista, supoño que isto ten máis sentido, sobre todo porque, como dicía Kapuscinski, “os cínicos non serven para este oficio”. Aínda que hoxe haxa demasiados especimes deste tipo.

Despois desa primeira obra, Marta Villar gañou este ano o XLI Premio Xerais de Novela con Detective Ferruchi, no que nos presenta a unha personaxe encantadora e tenra, aínda que humanamente imperfecta. Sol Cortés é unha muller que pasaba a súa vida afogada nunha empresa textil despois dunha tradición familiar neste sector. Un día escacha con todo e decide volvera Umeiro, a súa vila natal e na que vivira os primeiros anos da súa vida, para montar unha libraría e gozar duns ritmos máis sosegados. Ao chegar á vila prodúcese o asasinato do veterinario da vila, e ela acaba inmersa nunha investigación para saber quen o matou.

Ata aquí parecería que estamos diante dunha novela do xénero policial ou de misterio, pero conforme avanzamos nas páxinas descubrimos que se fala sobre moitos temas esquecidos. Dunha forma amena, divertida, con moitísimo humor que nos lembra ás nosas avoas e avós, Villar preséntanos a unhas personaxes resilientes, con iniciativa, algo que é moi de valorar no caso das mulleres que a miúdo se relegan a un espazo inferior nas historias deste estilo. Xa dende o primeiro intre, vemos como esta “detective” loita contra os tópicos, e como se recoñece nas súas vulnerabilidades e nos medos, e como tenta superar os traumas pasados.

Marta Villar llévanos coa intriga do veterinario asasinado, pero no medio vai contándonos moitísimas cousas que nos interesan e que prenden a nosa intención. Fala das mulleres costureiras e de toda unha xeración que traballou arreo por sacar os fillos adiante e por perseguir os seus propios dereitos aínda que moitos deles ficasen no aire. Tamén están a enfermidade e a autoestima que se perde na dor. De feito, a nosa protagonista sente medo, vergoña porque se descubra que ten un corpo débil, e tamén Amil, apegado ao seu avó, comeza a ser consciente da perda. E, por suposto, o estigma da raza, pois Sol Cortés é xitana e iso marcou fondamente a súa vida.

Aínda que existen páxinas de recheo e momentos máis fracos, o certo é que Marta Villar é quen de crear unhas personaxes inesquecibles, como Vivita, Amil ou Agatha. Neste sentido, creo que é unha novela que bebe, no bo sentido do termo, desa moda do “cozy crime”, e que lembra tamén o “realismo cotián” de Camilla Lackberg. Por todo iso, pide a berros unha segunda parte, que dende aquí desexamos moito.

Ficha técnica

Título: Detective Ferruchi

Autora: Marta Villar

Ano de publicación: 2024

Editorial: Xerais

Número de páxinas: 480

Prezo: 20,95 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.