As mulleres tivemos sempre moitos pesos. Antes eran dun tipo e agora, doutros. Pero detrás de todos está o machismo e o medo dunha sociedade que sempre nos quixo mellor pechadas que libres. Porque a liberdade asusta, e máis cando está en xogo tanto. Ao longo do tempo foron moitas as estudosas que, dende diversos campos, puxeron de manifesto estas desigualdades e a necesidade de erradicalas. Simone de Beauvoir foi unha delas, e hoxe constitúe un dos grandes nomes sobre os que se sustentan a maioría de debates.
Dos medos e dos pesos que soportamos, tamén das culpas, nace De óxido e diamantes, a estrea de Miriam Couceiro Castro na novela, despois de varios relatos e do ensaio feminista A Galiza feminista. Tebras e alboradas, co que, por certo, dialoga constantemente.
O título da novela fai referencia a unha canción de Joan Baez, quen tivo unha experiencia de amor tóxico con Bob Dylan, e que lle serve á autora para reconstruír o relato dunha relación lésbica de maltrato e moitísima dor.
Poucos libros hai que aborden a violencia nas relacións homosexuais. E menos entre mulleres. É algo no que cavilei ao ler En la casa de los sueños, de Carmen María Machado, e é que me volve á cabeza neste caso. E tamén no necesario que é facelo, poñerlle nome ao que nos acontece.
A novela está escrita dende a experiencia mais tamén quere trasladarnos pensamentos, formas de vida, mensaxes necesarias que moitas mulleres tardamos tempo en escoitar e que a algunha mesmo nin chegan. Sobre todo, que xamais cambiemos por alguén. É toda unha aprendizaxe, a construción dun camiño ata entender quen queremos ser. Todas nós, mulleres do presente e do futuro, pero sempre coa luz das que viñeron antes, somos interpeladas.
A voz do libro, unha muller esnaquizada e que se reconstrúe, fálanos directamente, porque a maioría de nós tentamos nalgún momento das nosas vidas cambiar por alguén. Ser outras. Buscar ser validadas. E o camiño ata sentir que nos bastamos a nós mesmas é complexo e está cheo de espiñas. Neste sentido, pode definirse coma unha obra terapéutica, que demostra que nos momentos escuros existe a capacidade para crear arte.
Tamén está por aquí a reflexión sobre este mundo aparentemente hiperconectado pero que no que todo semella unha farsa, un postureo. Que nos vendemos por un like, polo engagement, por uns cantos reels, e deixamos de tomar cafés e simplemente falar, preguntarnos como estamos, atopar sosego na conversa. Fronte a iso, atopar sosego nas redes de afecto.
Chegado o final do libro, por un momento pregunteime: é posible ver a literatura coma vómito? Ou acaso unha vinganza? Canto curan as palabras?
Ficha técnica

Título: De óxido e diamantes
Autora: Miriam Couceiro Castro
Ano de publicación: 2024
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 136
Prezo: 15,90 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
