A arte e a economía, son excluíntes?

Hai anos descubrín a Remedios Zafra, unha muller valente que reflexiona arredor da precariedade na cultura e dese mal (e cada vez máis habitual) costume de non pagar, ou de facelo a través dunha suposta popularidade. Ela di que é moi común que ás creadoras culturais se lles soliciten colaboracións sen máis ofrecemento que «o amor ao arte» e tomando proveito do entusiasmo que todas temos ao comezo.

Semella que cando falas de cultura, queda mal nomear o diñeiro. Pero acontece tamén que as persoas que exercen as súas profesións teñen que comer e pagar facturas, e que iso non se gaña con visibilidade. Aínda que todos falamos deste tema coas amizades, poucas veces se saca en público, coma se iso nos restase paixón. Quizais por ese silencio compracente, é polo que valoro máis ca nunca a valentía da escritora e xestora cultural Yolanda Castaño, quen vén de publicar Economía e poesía. Rimas internas, un libro ousado co que acadou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2023.

Tomando como base a propia experiencia, a través de múltiples anécdotas persoais, Castaño realiza unha gran investigación sobre os porqués da precariedade no sistema cultural galego, ao tempo que fai unha reivindicación e incita a un cambio necesario. A través de moitas preguntas, convídanos a tentar respondelas: por que as persoas que escriben son as menos remuneradas de toda a engrenaxe? Por que cando se programan eventos e se convida a poetas a recitar non se fala de diñeiro e se dá por suposto que se irá de balde? Como xustificamos o tempo que dedicamos a cuestións que non se nos remuneran mentres non temos para pagar as facturas? Por que pensamos que a creación perde valor se se vive diso?

No medio das múltiples frases poéticas, atopamos unha que resume á perfección o que é o libro: «As esmolas en vida e a fartura na morte». Ela reflexiona tamén sobre o valor que como sociedade lle damos á cultura. Así, as máis avanzadas serían aquelas nas que a cultura estivese arriba, e soamente se trataría as artistas como se merecen, e cuns dereitos garantidos coma en calquera outro traballo. En caso contrario, o que acontece é que as persoas que queren dedicarse a isto destinan tempo quitado a outras persoas e tarefas.

Moi relacionado con iso, acontece algo que sorprende. Mentres a nosa literatura é valorada moi positivamente fóra, con premios nacionais e críticas, aquí segue a fomentarse a precarización. Aínda se fan festivais e accións culturais sen ter en conta en como financialas ou presupoñendo que o tempo das posibles participantes non vale nada ou que todas temos o sustento asegurado. Este libro é, pois, un exercicio colectivo co que, quizais, despois de lelo, acadaremos maior empatía.

Ficha técnica

Título: Economía e poesía. Rimas internas

Autora: Yolanda Castaño

Ano de publicación: 2024

Editorial: Galaxia

Número de páxinas: 206

Prezo: 23,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.