Dicía o admirado Ryszard Kapuscinski que os cínicos non serven para este oficio. Referíase el ao xornalismo, e tanto tempo despois aínda me segue zunando esta idea pola cabeza, quizais porque cada vez existen menos xornalistas valentes e máis mandados do poder. Xa hai moito tempo que se vén alertando do mal estado da profesión, tanto pola súa precariedade laboral e económica como pola crise de contidos e dun modelo erróneo que non acaba de reverterse nin de asentarse. Ante esta situación, e como contraposición, tamén existen xornalistas que son quen de denunciar o que lles preocupa e de alertar sobre diversas problemáticas sociais, ademais de poñerse do lado dos máis desfavorecidos.
A literatura é un dos mecanismos máis potentes dos que dispomos para falar e reflexionar sobre o xornalismo e a necesidade de defendelo con unllas e dentes, e por iso valoro moito as propostas neste sentido. Tal é o caso de Non temerás os coches amarelos, de Marta Villar, no que se nos conta o día a día de Dina Souto, unha moza que traballa como bolseira nun xornal e que vive nunha contradición permanente: por unha banda, intentar avanzar e ser unha boa profesional do xornalismo, e doutra, deixarse levar polas pantasmas dunha infancia ateigada de violencia. Nesa dualidade transita a novela que temos entre mans, escrita cunha mestura entre o xénero xornalístico (podería semellar unha crónica ou reportaxe), a novela negra e a máis intimista. A través de toda esta amalgama, as lectoras imos indagando na memoria da protagonista, que é individual, e tamén na que ela recolle da súa nai, da súa avoa e as xentes sobre as que fala de diversos asuntos escabrosos e impregnados dunha violencia estrutural en diversos eidos.
Marta Villar dedica esta novela a indagar no que se atopa detrás desta sociedade tan machista, e o papel que ten o xornalismo para mudala, de aí que o cerne desta novela sexa esta profesión e o seu exercizo, situándose na liña doutras como Oito días sen Eva Cortés, de Sara Vila. Unha historia valente, de denuncia social, coa que empatizarán lectoras novas e outras de xeracións posteriores, e que nos leva a sachar na nosa historia máis recente.
Ficha técnica

Título: Non temerás os coches amarelos
Autora: Marta Villar
Ano de publicación: 2023
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 310
Prezo: 19,50 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
