“É posible fuxir cara adiante coa imaxinación ou fuxir cara atrás co recordo».
Hai un tempo unha psicóloga díxome que un exceso de pasado é depresión, e de futuro, ansiedade. Por iso cando lin esta cita no libro de Berta Dávila pensei niso. A ferida imaxinaria fala das feridas, dos vínculos, da soidade (da buscada e, sobre todo, da obrigada), e de como nos refuxiamos nas series de televisión e na ficción en xeral ante os dramas da vida. Semellaría terapéutica, pero ela fuxe de todo moralismo.
Berta Dávila é, no meu humilde modo de ver, unha das mellores escritoras galegas. Describe á perfección as «rarezas», e sempre engarza as historias como na vida mesma, ao xeito de crebacabezas nos que cadaquén pode entender á súa maneira e en consonancia coas propias vivencias. Aí reside a maxia da literatura, da boa, da que nos dá claves e nos convida a dialogar con ela. E este libro é, quizais, o mellor da súa traxectoria, que foi medrando imparable dende aquel exitoso O derradeiro de Emma Olsen, e que a consolidou coma unha das voces máis orixinais das nosas letras, quizais porque é capaz de dialogar co resto das literaturas con moita madurez e sen complexos.
A autora compostelá escribe dende unha aparente sinxeleza narrativa, pero que nos leva a unha fondura temática. Impacta moito cos pequenos detalles, cos que nos sentimos identificadas, aínda que nos custe asimilalo. Como ese momento no que unha das protagonistas dá as grazas cando vai mercar uns peixes e non llos cobran. E di que é grato non pagar por sentirse acompañada. E é que ás veces estamos tan acostumadas a mendigar que nos queiran, que non nos cremos cando nos dan amor sen agardar nada a cambio. Aí, nese instante, radica unha reflexión moi forte e poliédrica sobre as relacións que construímos, e sobre o dano que ás veces nos fan. Tamén aí, e en varios momentos, podemos albiscar a precariedade das personaxes, que experimentan a exclusión do mundo, aínda que vivan nunha permanente conexión.
Chama a atención que nos libros de Dávila, pero en especial nos dous últimos, se tratan as relacións familiares.. Se n’ Os seres queridos (Premio da Crítica de Galicia) eran as nais e as fillas, agora n’A ferida imaxinaria atopamos a dous pares de irmás con vínculos fortes pero que por veces son tóxicos. Como a vida mesma. E é que Dávila móvese sempre nese terreo do inaudito, que ao mesmo tempo é o común, evocando sensacións que todas recoñecemos, cotiás, pero xamais sen deixar nada pechado.
Ficha técnica

Título: A ferida imaxinaria
Autora: Berta Dávila
Ano de publicación: 2024
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 176
Prezo: 17,95 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
