Que teñen en común Brooklyn Follies, de Paul Auster, e A noite das cebolas, de Rosa Aneiros? Ambas novelas comezan cunha persoa que se afasta do lugar que habita na busca doutro mellor para morrer en tranquilidade tras o diagnóstico dun cancro. Rosa Aneiros non oculta a súa paixón polos libros de Auster, o cal se deixa ver nesta súa obra, na que tamén se fala das fuxidas, da memoria, e dos pequenos detalles da vida cotiá que nos axudan a que a nosa existencia non sexa tan desesperanzada.
Abril Andrade recala nunha illa galega despois de recibir a herdanza dun faro que pertencera ao seu tío Bastián, co que tivera unha gran relación na infancia. Esa noticia coincide coa da súa enfermidade terminal, e aí arrinca esta novela na que, lonxe do pesimismo, atoparemos a personaxes que son o contrapunto de pequenas doses de felicidade. Como nas de Auster, esta obra de Rosa Aneiros é unha ensamblaxe perfecta entre a vida que se esvaece e os personaxes que a descobren día a día.
Como complemento, e cun peso especial na trama que medra conforme imos lendo, atopamos ese diario no que o tío Bastián conta como planta as cebolas, un tratado sobre a vida máis primaria, un alegato de que todo chega. Nesa illa, Abril descobre que a súa vida e a das persoas que a rodearon está chea de mentiras. Pero tamén aí toma conciencia do fermoso que é ter persoas que che amosan o seu cariño a través da preocupación sincera e desenfadada. Coma Lisco, ese home que adora o fútbol e que a vacila sempre que pode, ese home posuidor dunha gran retranca, básico nalgunhas cousas pero que actúa como oposición de todas as emocións que atravesa Abril no final da súa vida. A través del, a protagonista descubrirá que pode obter pracer e pasalo ben vendo un partido de fútbol, algo que antes non lle provocaba nada. Como a mesma autora dicía nunha presentación da novela, Lisco representa a todas esas persoas que coa súa forma de ser desenfadada conseguen cambiarnos, quitarlle transcendencia á vida e que así comecemos a gozar dela.
Esta novela de Aneiros semella un conto de vitalismo coma os de Brooklyn Follies. E non me refiro a unha banalización da dor, senón todo o contrario. Só ao ser conscientes de que a vida se esvaece comezamos a ser conscientes de que cómpre vivila, e aí facemos coma cando chuchamos o zume das laranxas cando parece que están murchas. Teimamos en atopalo. Como fai Abril coa axuda dese Lisco, mais tamén coa sabedoría do tío xa ausente pero presente na memoria, a amiga incondicional e o fillo que vive lonxe.
Aquí temos á mellor Aneiros: esa que fala da sociedade e da súa historia pero sen esquecer a emoción.
Ficha técnica

Título: A noite das cebolas
Autora: Rosa Aneiros
Ano de publicación: 2024
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 320
Prezo: 17,95 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
