Eu atopei Faith …

O derradeiro libro de Emma Olsen (2013) é un boísimo exemplo de que a ficción e a realidade non teñen límites, máis ben son unha extensión. O tópico de que a realidade supera á ficción adquire nesta novela todo o sentido.

Berta Dávila, unha escritora santiaguesa moi nova, ten colleitado varios premios: tras o Avelino Valladares, o Biblos e o Johán Carballeira, vén de gañar no decembro pasado o Premio de Narrativa Breve Repsol 2013 con esta curta pero intensa novela.

O argumento leva á nostalxia, a querer saldar contas co pasado cando a protagonista e narradora, Emma Olsen, pasa por un cancro terminal e regresa a Faith, unha cidade pequena do Medio Oeste. A autora xoga coa confusión entre realidade e novela xa que crea a Emma Olsen como se esta fose unha célebre escritora, e introduce notas a pé de páxina para contextualizar outras obras que supostamente publicara, que estaban só na mente de Dávila. Unha narrativa depurada onde se nota a escolla de cada palabra de forma minuciosa, pero onde se logra unha sinxeleza expresiva que enche a novela de humanidade.

Un xogo maxistral. Porque Emma Olsen  non existe na realidade, pero seguro que hai moitos escritores que nalgún momento desexaron darlle unha volta á vida e reconciliarse co pasado. Ou calquera un de nós.

A galega tamén experimenta con esa soidade á que o escritor está sempre sometido. Moitos din que para escribir tes que amar a soidade, unha volta á literatura do xaponés Haruki Murakami. O derradeiro libro de Emma Olsen é unha novela curta que deixa un inevitable sabor de boca, impulsando á reflexión sobre o paso da vida. Que fariamos nós cando soubésemos que nos resta pouco tempo? É por iso que o libro ten un aire existencialista no seu fondo.

Xa facía tempo que non lía nada en galego. Pero ao ter estas cento vinte páxinas diante miña dinme de conta de que a literatura galega ten moito que dicir aínda, que non está morta, que ten algo novo que ofrecer a todos os que auguran a súa desaparición. O talento das novas xeracións achega calidade. Pódese saír do silenzo.

“Porque aínda que a escrita nace para Emma Olsen da soidade, igual que Orbison cantou aos solitarios, quen agora escribe precisou afastarse moitas veces para estar soa, e foi quen de facelo soamente grazas ao pasaporte de saber que podía regresar en calquera momento e atopar alguén do outro lado”.

Berta Dávila quixo atoparse a si mesma a través das palabras de  Olsen, tal  e como explica no seu blogue Confabulario novo. O baleiro, a soidade, a infancia con pingas de inocencia, segredos agochados, esas persoas que marcan as nosas vidas, o paso do tempo que non queda indemne e un longo etcétera son os temas deste libro.

As palabras actúan como un bálsamo, unha confesión coa vida, esa necesidade de querer conseguir a paz infinitamente, se é que iso é posíbel.

Realmente esta podería ser a historia de calquera de nós, dos que volvemos á vila que nos viu nacer como nunha especie de historia circular agardando un final feliz.

E si, eu estou segura de que as novelas de ficción nunca son de todo inventadas. Somos parte dun corpo e dunha mente e iso nótase nas vivencias e sentimentos expresados. Bo libro, eu tamén atopei Faith …

«Porque como é imposible controlar a vida, polo menos podes controlar a túa versión da mesma»: Chuck Palahniuk

Ficha técnica

O DERRADEIRO LIBRO DE EMMA OLSENTítulo: O derradeiro libro de Emma Olsen

Autora: Berta Dávila

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2013

Nº de páxinas: 120

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “Eu atopei Faith …

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.