Aprender o feminismo

Annie Ernaux, autora de "Memoria de chica"

Ernaux escribe sempre dende a sinceridade máis absoluta, e non dubida en compartir as súas contradicións, porque se construíu grazas, ou por elas. Así é A muller xeada, unha obra que foi publicada orixinalmente en 1981 e que agora vén de traer ao galego a editorial Rinoceronte na tradución de Moisés Barcia. Quizais debido a esa sinceridade é pola que conta como tivo fillos a pesar de que continuamente dubidaba da perda da súa identidade e espazo propio, ou de como quería experimentar co sexo pero non ser unha muller floreiro. Ernaux é humana e, como tal, fala dende aí, tamén de como é a muller que vai sendo grazas a todo ese pasado, mesmo nos erros, que a forxou.

Se en O acontecemento e Memoria de rapaza parte de dous feitos concretos (un aborto, e a experiencia sexual nun campamento de verán), aquí limítase a ir contando como se converteu nunha muller, dende a infancia cuns pais que invertían continuamente a orde patriarcal das cousas, ata unha mocidade atravesada polos libros e na que se descubriu a si mesma. A obra non destaca pola súa trama, e de feito as de Ernaux xamais enganchan por iso. Pero si que hai algo que nos empurra a seguir lendo. Quizais ese verse reflectidas no camiño percorrido pola voz narradora, un espello no que nos ollamos e recoñecemos.

A Premio Nobel recrea a súa biografía para crear literatura. Quizais é das que primeiro popularizou o termo “autoficción”. Amplíaa a través da ferida para cicatrizala ou que supure máis, ata que non quede nada dentro. A súa literatura non é amable, nin con ela mesma nin co mundo que retrata. E iso é o que nos engancha e nos pega ás páxinas. O libro é unha descrición crúa de como medra unha nena e como comeza a se cuestionar as cousas. A ver que algo pasa raro. E que ela non é, nin quere ser, como as demais. Están aquí as aprendizaxes a través das lecturas que a marcan, caso de Simone de Beauvoir, pero tamén da vida na tenda coa súa nai. Dende ese prisma, observa outras mulleres e debátese en se se estará convertendo no que non quere.

A min interésanme as obras que non son banais, que tentan indagar no profundo, as que teñen moitas capas. Esta autora é unha diseccionadora de emocións, pero tamén é quen de retratar a sociedade que habita, pois olla o que hai ao seu redor e como ela se relaciona co tempo e co espazo. Están aquí a Francia dos anos 40, e ese feminismo que quería eclosionar con atrancos continuos, pero tamén ese choque entre dous mundos, o da xente que estudaba e a que ficaba nos traballos manuais.

Ficha técnica

Título: A muller xeada

Autora: Annie Ernaux

Tradución: Moisés Barcia

Ano de publicación: 2024

Editorial: Rinoceronte

Número de páxinas: 156

Prezo: 18,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.