Desmitificar o rural

Penso que os libros bos son aqueles que nos desconcertan trala súa lectura. Aqueles nos que atopamos múltiples sensacións, mensaxes. Os que son inconformistas e os non nos din o que queremos escoitar. A colección Rúa do Lagarto, da Fundación Euseino?, está tecendo un catálogo ben xeitoso neste sentido e con propostas novidosas e que conteñen todo o anterior. 

Sara Guerrero é unha xornalista e crítica literaria mexicana que ten investigado moito sobre a literatura escrita por mulleres migrantes no Estado español. É importante subliñar esta idea, pois o seu recente libro, Eu son o monte, bebe un pouco do seu traballo. Ou, polo menos, eu crin velo así.

O primeiro no que matinei mentres lía é que se foxe do fenómeno de “As bestas”, a película de Sorogoyen que fala do rural tentando desrromantizalo pero dando ao mesmo tempo unha imaxe ridiculizante. Pero ten tamén escenas que me lembraron a “Malencolía”, o último filme de Alfonso Zarauza. Quizais nesta última, e tamén no libro de Guerrero, se tenta evocar ese rural que esmorece, e das persoas que resisten nel, pero sen romantizalo de todo, porque aí aparte do bucolismo tamén existen problemas e hai persoas de carne e óso coas súas problemáticas e arestas.

O libro está escrito coma pequenas escenas que van xerando en nós unha sensación de desacougo continua e cada vez maior. E polo medio, aparecen lóstregos poéticos que alumean e nos fan deternos, como «o meu gato: unha ponte entre dous mundos». Ou, máis adiante, «acábase a linguaxe. Chego á fronteira». A autora, como xa dixen, sabe moi ben o significado desa fronteira, e neste libro introduce o termo para expresar que en ningún lugar estamos a salvo. Tampouco nos que cremos elixir.

Aparece a precariedade, pois fálase directamente da supervivencia, desa sensación que supón non ter diñeiro nun mundo capitalista. Da imposibilidade. Dese querer ser, pero non poder. Aí seméntase de novo o terror, un terror moi visceral, moi humano. Porque parece que na prensa se empeñan en contarnos testemuños de persoas que deixan a cidade e van ao campo na busca de paz e que alí todo lles vai ben. Non sempre é así. E xa hai tempo tamén que se vén denunciando dende moitos sectores a falta de oportunidades do rural, algo que, por exemplo, reivindica a diario a veterinaria e poeta María Sánchez.

Aínda sen pretendelo, creo que esta obra dialoga directamente coas outras entregas da colección de Euseino? como son Ninguén queda, de Brais Lamela, e Diario de dúas casas, de María Villamarín. Dende logo, hai unha xeración de persoas que están traendo debates necesarios e nada condescentes.

Ficha técnica

Título: Eu son o monte

Autora: Sara Guerrero

Ano de publicación: 2024

Editorial: Euseino

Número de páxinas: 8

Prezo: 12,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.