Valoro moito o esforzo das editoriais galegas por crear coleccións de ensaios feministas a través das que dar a coñecer obras creadas no país e outras que veñen de fóra e que nos axudan a normalizar a nosa lingua tamén nesta parcela. Tal é o caso de Hércules Ediciones, casa que apostou pola colección “Púrpura”, na que xa nos sorprendeu con títulos de grande proxección a nivel internacional, como Mulleres e poder de Mary Beard, Mala feminista de Roxane Gay, Bruxas. A forza invencible das mulleres de Mona Chollet, e recentemente con Teoría King Kong de Virginie Despentes.
Xa lera este libro de Despentes hai uns anos, xusto cando comecera a indagar no debate feminista, e lembro que fora dos primeiros e dos que máis me marcou na vida. Agora volvín relela na tradución de Raquel Senra á nosa lingua e descubrín que Despentes é unha das grandes do feminismo, precisamente pola súa capacidade para revolucionar. Cun estilo marcadamente provocador, a francesa abre varios melóns e mesmo nos bota a culpa de que as mulleres non nos teñamos preocupado por apropiarnos dunha parte importante do espazo público, obviando que en moitas ocasións debemos pasar moitas máis trabas e impedimentos que os homes.
Desde a súa experiencia como prostituta, Despentes transporta as súas vivencias case coma se fosen verdades universais e ignora outras arestas, aínda que está claro que o que pretende é provocar, que debatamos co libro, que nos botemos as mans á cabeza e que queiramos berrar forte ante o mundo enteiro. Así mesmo, analiza as violacións, o matrimonio, o desexo, a maternidade ou a pornografía, temas arredor dos que expresa as súas propias contradicións e xera un debate por veces incómodo, aínda que tamén moi novidoso nas achegas. Algo que me chamou moito a atención, por exemplo, é que antes do “me too” ela ousou falar da súa violación, pero fuxindo do papel de vítima, o que xera moitas controversias dada a gravidade deste tema.
O libro está escrito en sete capítulos breves, que se len case coma artigos xornalísticos, nos que ela consegue prendernos a través do emprego dunha linguaxe que se afasta do politicamente correcto, e que lembra moito a Caitlin Moran, cuxos libros tamén podemos atopar en galego grazas a Rinoceronte. Ademais, o seu estilo é tan arrasador que consegue que, aínda non estando de acordo en moitas cuestións, queiramos seguir lendo e mesmo devezamos por debater cara a cara coa autora. O ensaio resulta moi ameno e divulgativo, e iso fai que o libro sexa óptimo para achegar o feminismo a todas as persoas, sobre todo ás que comezan.
Ficha técnica

Título: Teoría King Kong
Autora: Virginie Despentes
Tradutora: Raquel Senra
Ano de publicación: 2022
Editorial: Hércules
Número de páxinas: 133
Prezo: 16,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
