O outono e as despedidas

O escritor e crítico Mario Regueira

Escribe Mario Regueira en Outono aquí que “as despedidas sempre son en outono, así as follas poden triscar baixo os pés e os camiñantes senten que é o seu pasado o que se creba”. O libro, co que merecera o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta do Concello do Grove no 2011, sabe a follas secas, a ese tempo entre frío e cálido que caracteriza eses primeiros meses. Ademais de ser unha das estacións máis fermosas e tamén de tránsito, o outono sérvelle a Regueira nesta ocasión para falar das lembranzas e de como se interpretan os recordos dunha persoa a outra.

A historia parte da viaxe que Guillerme fai a Gante despois dunha chamada do seu irmán que anuncia o seu mal estado de saúde e un posible final fatídico. Ante iso, e cun pasado de moitas dúbidas ás costas, el decidirá visitalo co fin primeiro de reclamar unha herdanza e arranxar ou entender a actitude do irmán no pasado, dende que eran cativos na aldea ata que el fuxiu e deixou o pasado atrás. A partir de aquí, e aínda que pareza un argumento cativo, o autor tece unha novela na que o pasado e o presente se cruzan en diversos eixes de acción, de xeito que o un se comprende grazas ao outro. A través destes dous personaxes, e dalgúns secundarios, imos coñecendo paseniñamente os acontecementos que fixeron que a súa relación se arrefriase e tamén reflexionamos sobre as distintas formas de comprender os feitos que teñen as persoas e que as levan a actuar de xeitos diversos.

Outono aquí é unha novela con trazos de intimismo, psicolóxica, pero eminentemente social, pois nela o autor lanza un debate arredor das orixes, do que supón a familia e o berce das primeiras relacións, mais sobre todo axúdanos a interpretar as lembranzas. Así mesmo, a novela defínese como moi cosmopolita, pois leva os personaxes fóra da Galiza para explicar tamén as mudanzas que os lugares provocan sobre eles. Non podemos esquecer que as temáticas que se abordan incrementan o seu sentido grazas ás abondosas referencias culturais, sobre todo musicais, que se introducen no relato, e que fan de Outono aquí unha obra capaz de dialogar con outras creacións europeas contemporáneas.

Ficha técnica

Título: Outono aquí

Autor: Mario Regueira

Ano de publicación: 2022

Editorial: Menino Morreu

Número de páxinas: 183

Prezo: 10,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.