Dixo Santiago Ferragud na Feira do Libro de Ponteareas que o que quere agora é sementar entre os seus netos moitas dúbidas, porque certezas hai poucas. Isto pénsao un home que xa viviu tres cuartos dun século, nas súas palabras, e que quixo contar a historia da cidade que o viu nacer. Quizais porque o que se coñece é a mellor materia literaria, Ferragud, recoñecido nos últimos anos pola súa faceta como fundador do grupo musical Xardín desordenado, utiliza o Vigo da súa xuventude para tecer unha novela que é, ante todo, unha reivindicación da propia historia. Todo chega desde o mar é o título desde libro no que atopamos a dúas mulleres que se unen coa ilusión de saber máis dos espazos que habitan: Xoana é licenciada en historia e chegada a Vigo para escribir artigos e investigar sobre a historia da cidade, e nese camiño tópase con Irene, unha contemporánea da Folga do 1972, profesora de universidade e que lle abrirá todo un mundo de saberes, e tamén de paixóns vitais por descubrir e coas que o autor xoga.
Todo chega desde o mar percorre a historia de Vigo dende acontecementos e personaxes históricas como a de Pedro Madruga ata a contemporaneidade, e o autor utiliza as conversas entre estas dúas mulleres para levarnos canda elas nun paseo inesgotable, no que coñeceremos espazos e anécdotas reais arredor deles. Neste sentido, a novela é moi histórica, pois ten un afán claramente reivindicativo e, por que non dicilo, mesmo didáctico. A partir de aí, o autor ficciona os espazos que fican en branco, para o que aproveita tamén vivencias persoais del e doutras amizades que o acompañaron ao longo da vida.
O máis interesante desta obra é que logra espertar en nós moitas curiosidades, que nos fagamos preguntas e que indaguemos máis alá das súas páxinas. Por exemplo, o que a min máis me interesou é a forma na que o autor conta de forma orixinal e moi comprensible o desenvolvemento da folga do 72 e como se xestou todo o clima dos GRAPO.
A novela de Santiago Ferragud inspírase nese mar que deu lugar a moitas obras e que segue a alimentar as imaxinacións de tantas e tantos novelistas. Ese mar que trae o bo, pero ao que tamén chega o malo, unha fonte inesgotable de vivencias. Un mar que conmove ao músico vigués e ás súas personaxes, e que se define ademais na foto de Isaac Garabatos que loce na portada desta primeira novela que nace dunha gran admiración cara ao propio.
Así e todo, a pesares de que estamos diante dunha novela potente, perde nivel narrativo debido ás grallas de edición e a unha documentación excesiva que, por momentos, eclipsa a parte ficcional, que tería que ser a máis importante.
Ficha técnica

Título: Todo chega desde o mar
Autor: Santiago Ferragud
Ano de publicación: 2022
Editorial: Medulia
Número de páxinas: 230
Prezo: 19,90 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
