Se hai algo que aprendín nos últimos anos é que o feminismo é unha forma de cambiar o mundo diversa, múltiple. É dicir, hai moitos feminismos, e non se pode reducir a unha dinámica unitaria. Autoras como Roxane Gay contribúen a que o feminismo interseccional, ese que ten en conta as distintas realidades, se consolide e se ofreza coma unha alternativa para acadar un mundo máis xusto e igualitario.
Lin a Roxane Gay hai uns anos, cando Capitán Swing publicara Mala feminista en castelán, unha obra que me revolucionou moito e da que lembro sobre todo a súa forma desenfadada de achegar o debate feminista a través do humor e afastada de dogmatismos. Naquela lectura máis primixenia sentinme moi próxima a Gay nas súas propostas e nas cuestións que ela formulaba, pois estaban no meu día a día e non me parecían nada elevadas, caso da análise das películas románticas ou de fenómenos como o reggaeton. E lonxe do que poidamos pensar a priori, a autora defende que podemos ser feministas e, a pesar diso ou por iso, gozar de cancións que non comungan cos ideais feministas, ou gustar da cor rosa, ou querer ter fillos. Eu vira iso nesa primeira lectura, e foi o que logrou prender en min a chama de querer saber máis, como me acontecera cos libros de Caitlin Moran, que tamén reflexionan en clave feminista sobre asuntos de interese no tempo que habitamos.
Volvo a Mala feminista agora, aproveitando a tradución ao galego da man de María Fe González Fernández para Hércules Ediciones, e detecto novamente que este libro ten a principal vantaxe de falar do feminismo sen teorías incomprensibles; é dicir, esta obra está confeccionada para abrir a porta aos debates e para que as novas xeracións cheguemos a empatizar co que aquí se fala dunha forma moi divertida, sen que resulte reducionista. E é que Roxane Gay o que fai é precisamente lembrarse dese público, maioritario por certo, que esquecemos en moitas ocasións ao estar tan metidas en debates elevados e que non logran fiar co conxunto da cidadanía. Roxane Gay consegue facernos rir, chegar a persoas novas e máis maiores, ás que comezan no feminismo e ás que saben xa da súa ampla teoría, e ademais cun especial fincapé no feminismo apegado á raza e a outras realidades que van máis alá do clásico “feminismo branco e heteronormativo”.
E, sobre todo, o que máis valoro deste libro é que nos entende dende as propias incoherencias. Neste camiño cara ao feminismo, as mulleres non podemos tender á perfección, e non deberían existir unhas normas do que que é máis ou menos feminista, xa que en caso contrario volveriamos caer nas cárceres que nos impiden ser libres con todas as consecuencias.
“Estou equivocándome como muller. Estou equivocándome como feminista. Aceptar con liberdade a etiqueta de feminista sería inxusto para as boas feministas. Si, son feminista, pero son unha feminista bastante mala. Son unha morea de contradicións. Hai moitos aspectos nos que levo mal o feminismo ou polo menos é ese o xeito en que o percibo dende a miña condición de muller.
Quero ser independente, pero desexo que me coiden e ter alguén esperándome na casa. Teño un traballo no que son boa. Encárgome de cousas. Estou en comités. A xente respéctame e escoita o meu consello. Quero ser forte e profesional, pero moléstame o moito que teño que traballar para que se me tome en serio, para recibir unha décima parte da consideración que podería recibir noutras circunstancias. Algunhas veces éntrame unha necesidade abraiante de chorar no traballo, así que pecho a porta do despacho e choro”.
Ficha técnica

Título: Mala feminista
Autora: Roxane Gay
Tradutora ao galego: María Fe González Fernández
Editorial: Hércules de Ediciones
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 325