A literatura de Inma López Silva sempre consegue trasladarnos moitas contradicións, que nos cuestionemos as nosas opinións e pensamentos, e que mesmo nos opoñamos a eles. Xa o fixera de forma mestra na súa última novela O libro da filla, e tamén no ensaio Chámame señora pero trátame coma un señor, obras nas que facía gala dun estilo irreverente e afastado do politicamente incorrecto, abordando cuestións que se atopan no debate social pero ante as que poucas veces ousamos actuar con sinceridade. Ao campo do ensaio volve con Quen non ten un avó fascista?, un libro híbrido no que se mesturan a crónica xornalística, o álbum familiar e mesmo algunhas técnicas propias da narrativa, pois adoita suceder que ás veces os ocos da memoria son tan amplos que é necesario enchelos dende a ficción.
Inma López Silva escolle uns versos de Raimon para encabezar este ensaio, incluído na colección de Memoria histórica de Galaxia: “Veño dun silenzo antigo e moi longo…”, algo así di esa cita que é toda unha declaración de intencións, pois do que a autora nos fala é precisamente dos silenzos, do que se garda baixo chave nas familias ou do que non se fala e se condena así ao esquecemento. Neste silenzo viviron moitas persoas durante o golpe de estado e a ditadura, mais tamén na democracia. Na loita por acadar a voz ou devolverlla ás que a perderon, moitos escritores e escritoras, amais de xente doutras disciplinas, crearon novelas que falaban dos perdedores, dos masacrados, dos que heroicamente pagaron un prezo caro por defender as súas ideas e os dereitos humanos. Proliferou entón moitísima narrativa arredor desa memoria, o que resulta moi loable, pero detéctase unha ausencia de relatos doutras persoas, concretamente daquelas que, aínda non sendo fascistas, si que estiveron caladas naqueles anos para defender a súa propia vida e a de familiares e amizades. Esa memoria non se ten explorado, quizais porque resulta menos heroica dende o punto de vista creativo, pero foi a que interesou a López Silva, e a que a levou a tecer este libro que non deixa de ser máis que a busca dunha persoa detrás dunha palabra, e as contradicións que xera saber e descoñecer.
Quen non ten un avó fascista? narra o camiño desa indagación persoal do avó Avelino, do que a autora coñecía unha cara e ao que busca comprender ou entender no seu contexto. Mais o libro é tamén unha demostración das preguntas que nos facemos interiormente sobre o presente que habitamos e como este se imbrica co pasado e co futuro.
Ficha técnica

Título: Quen non ten un avó fascista?
Autora: Inma López Silva
Ano de publicación: 2022
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 254
Prezo: 22,70 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
