Na busca da reflexión feminista, interésame cada vez máis coñecer os mecanismos que adopta o sistema patriarcal para silenciar a voz e a opinión das mulleres. De entre o moito que levo lido ultimamente sobre este asunto, é quizais Mulleres e poder, da ensaísta británica Mary Beard, a que mellor explica estas técnicas polas que dende sempre as mulleres estiveron fóra dos espazos de poder.
O libro, traducido ao galego por María Alonso Seisdedos e publicado por Hércules Edicións, artéllase en dous conceptos básicos: o do silenciamento das voces das mulleres nos espazos públicos, e o da ocupación das mulleres para falar de asuntos considerados femininos ou que fomentan a condicións de vítimas. Tomando exemplos de libros e escritos dende o mundo clásico ata a actualidade, Beard deixa claro que dende sempre as mulleres foron obrigadas a ter só unha voz, a privada, aquela que tan só resoaba nas casas e no ámbito do doméstico; mentres que os varóns posúen ademais, e sobre todo, a voz da autoridade, aquela que fala nos lugares públicos e, tradicionalmente, asociados ao poder.
Xéranse neste proceso diversas ideas. No imaxinario colectivo espallouse o bulo de que as voces graves outorgan máis seguridade, mentres que as máis agudas son síntoma de inseguridade e de pouca seriedade. Iso trasládase aos foros de debate e ao ámbito radiofónico, onde a miúdo a sociedade se identifica cos tons graves, xeralmente asociados aos homes. Outra idea sobre a que cómpre centrar o debate é esa continua manía de que as mulleres aparezan no público soamente para falar de temas como a defensa do lar, as crianzas, o marido ou os intereses doutras mulleres. Estamos relegadas, pois, a falar sempre do mesmo e na condición de vítimas, sen que poidamos fuxir deses tópicos e falar, por exemplo, de economía ou de política. Se iso acontece e unha muller quere erixirse como experta nun tema, a sociedade esíxelle saber moitísimo máis que un home, ser brillante en todo, sen que iso poida garantir o éxito. Polo tanto, xa non é só que ás mulleres nos custe máis triunfar; é que se cometemos un erro recibimos un trato moito máis duro, o que se amplifica coas redes sociais tan presentes hoxe en día.
Sigamos reflexionando. Mary Beard achega outro concepto interesante moi en relación co anterior: a muller que fala en público, na maioría das veces, non é por definición unha muller, senón que se define con características andróxinas, como é o caso de Angela Merkel. O que interesa ao sistema patriarcal é, pois, seguir espallando a idea de que a debilidade é connatural ás mulleres e a fortaleza aos homes, e que os privilexios e o poder perténcenlle a eles.
En definitiva, Mulleres e poder supón un exercicio brutal de análise social dende o punto de vista feminista, que achega perspectivas novidosas e que reclama xustiza social. Un texto breve pero con moita miga para o xerme da reflexión e do debate.
Ficha técnica
Título: Mulleres e poder. Un manifesto
Autora: Mary Beard
Tradutora: María Alonso Seisdedos
Editorial: Hércules
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 97