A loita dende os recordos

Escribir dende os recordos non resulta unha tarefa doada, sobre todo porque podes caer na nostalxia naïf e non contar unha historia que manteña o interese para o lectorado, máis alá de colleitar un monllo de experiencias persoais. O exercicio da autoficción, tan de moda ultimamente, ten moitas vantaxes pero tamén inconvenientes, e de aí que, aínda que proliferen estas fórmulas, non todas saian adiante con éxito. Luz Darriba, artista polifacética, articulista e escritora, vén de publicar O encaixe de Bruxelas, un libro que parte de experiencias persoais e a partir do que traza un percorrido pola historia do noso país e, en consecuencia, do exilio forzoso e da explotación laboral á que son sometidas moitas persoas, sobre todo mulleres. Darriba, que escribe habitualmente artigos con moitísimas reivindicacións, presenta unha novela na que, empregando a técnica epistolar, tenta poñer orde ás lembranzas persoais para contarllas á súa nai nunha gran carta na que se mesturan o xénero de aventuras e noir, pois a protagonista avanza imparable e buscando unha solución á súa situación límite pola cidade belga, a crónica xornalística, con análises das derivas do mundo actual e da man fagocitadora do capitalismo, sen esquecer a poesía, que se podería observar nas recorrentes citas literarias que se recollen ao inicio dos capítulos, os cales tamén están referenciados con títulos de películas de todos os tempos. Neste sentido, o libro pode lerse coma unha denuncia social, mais tamén coma un agradecemento a todo o camiño percorrido pola protagonista e, por extensión, pola autora.

Luz Darriba é unha autora que sempre emprega as palabras como luz, a través das que reivindica a loita e a confianza nun mundo máis xusto e igualitario. Así, ao igual que acontecía con “Abril”, aquí tamén temos a unha muller protagonista que, como non podía ser doutra forma, denuncia as violencias que sofre polo mero feito de selo. Darriba non se agocha e avoga porque as palabras que pertenzan ás mulleres, e por iso nos seus libros sempre resoa o poder da cultura para mudar a orde de cousas.

En definitiva, O encaixe de Bruxelas é unha historia para emocionarse, unha novela – río, que se le coa emoción mais tamén coa razón, unha obra para coñecer a historia das persoas do país durante os últimos cen anos. Así e todo, e a pesar da boa vontade da autora, si que é certo que luciría máis se houbese un maior exercicio de poda e de traballar mellor a voz literaria, que por momentos perde forza.

Ficha técnica

Título: O encaixe de Bruxelas

Autora: Luz Darriba

Ano de publicación: 2022

Editorial: Belagua

Número de páxinas: 382

Prezo: 23,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.