A poesía a estourar

“Se a poesía lixaba non era nin pola nostalxia nin pola deserción, senón polo seu parecido coa vida”. Alberto Ramos volve sorprendernos cun libro inclasificable, no que reflexiona sobre o que é a poesía e o seu parecido coa vida mais, sobre todo, de como os traumas inflúen nas nosas vidas. Os corpos dos Romanov mereceu o XVI Premio de Narrativa Breve Repsol 2022 e o certo é que nel volvo refrendar, tal e como me acontecera tras a lectura d’ A simetría das bestas, que o xornalista compostelán é unha das voces máis orixinais das nosas letras. Para min a literatura ten moitas funcións, pero quizais a principal sexa abrir novos horizontes, sorprendernos, ir por outros vieiros que non poderiamos imaxinar no momento de comezar un libro. E iso todo cúmprese n’ Os corpos dos Romanov, unha obra de arte que fala da escuridade dos seres humanos, de como os nosos corpos son seres ateigados de munición dispostos a estourar nos momentos máis inagardados. Así lles acontece a Matthias Lentz, Wilhelm Wegener e Carol, os tres personaxes que se atopan na casualidade dunha Ausgburgo baleirada no Nadal de 2016, ao descubrirse unha bomba da Segunda Guerra Mundial que non estourara.

Non pensedes que estamos diante dunha novela de guerra, nin tampouco policiaca. Xa dixemos que era inclasificable, pero se tivésemos que describila, eu diría que sería un libro de análise psicolóxica, na que os lectores descubrimos a tres personaxes en diversos momentos das súas vidas e analizamos as súas feridas, e quizais vemos esa orixe dos traumas. Porque nada está claro aquí, todo nos fai dubidar, pero se algo é certo é que os tres teñen feridas, o que os fai máis humanos e tenros. A pesares diso, o autor non tende ao melodrama, senón que escribe unha obra trepidante, que nos vai levando como se estivésemos nun gran crebacabezas, pois el busca lectores cómplices, activos, que completen a trama, sen dárnola mastigada.

Os corpos dos Romanov comparte con aquela outra novela de Ramos que é unha continua conversa con nós, coas persoas que lemos, ás que nos fai partícipes do papel que ten o azar nas nosas vidas, e como viven os seres humanos en soidade, que o perderon todo e non encaixan no mundo que lles tocou vivir. Tamén, como se di nun momento da novela, analiza “o trauma que enche os recordos de néboa”. E de como a poesía pode encher eses ocos.

Ficha técnica

Título: Os corpos dos Romanov

Autor: Alberto Ramos

Ano de publicación: 2022

Editorial: Galaxia

Número de páxinas: 168

Prezo: 16,70 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.