Eu pensaba que no mundo cultural non existía o machismo. Identificaba a cultura coa igualdade. Nin sequera me parara a reflexionar sobre isto ata que lin o libro de Inma López Silva e escoitei a Manuel Rivas dicir que “o sistema non é machista, senón que o machismo é o sistema”. Canta razón e canto queda por facer! Por iso, nesta loita que nos queda por diante é prioritario que se espallen libros coma este Chámame señora, pero trátame coma a un señor, provocadores, politicamente incorrectos, reivindicativos, sen pelos na lingua, críticos e con moitas arestas para levarnos á reflexión e ao debate tan necesario.
Este libro inaugura a colección Feminismos da editorial Galaxia, á que se suman tamén Am@me, de Chis Oliveira e Amada Traba, e Feminicidio de Carme Adán. Todos eles tratados desde unha óptica diferente e diversa, pero co mesmo obxectivo: loitar por un cambio no sistema onde se nos teña en conta ás mulleres.
Centrándonos no de Inma, direivos que está escrito desde a experiencia de ser unha muller intelectual e ter que estar sempre dando explicacións de por que unha muller quere ocupar certos postos de responsabilidade e non se dedica mellor a estar na súa casa. Escrito cunha linguaxe moi directa e ao mesmo tempo visceral, con moitas referencias a libros feministas, Chámame señora eríxese como un libro diferente, que se centra no machismo existente (aínda a día de hoxe) no sector cultural. Na súa madurez literaria, a autora confesa ao inicio que “nunca crin que, aos meus anos, as escritoras poidamos comportarnos coma se aínda puidésemos ser princesas”, e por iso propón apropiarse da linguaxe e do corpo que o sistema teimou sempre en tildar de símbolos pecadentos.
“Estou ata a cona de que non me deixen dicir cona sen parecer unha marimacha maleducada que non pasou por unha facultade de Filoloxía nin escribiu nove libros. [..] Pola mesma, sei de boa tinta que a maior parte dos editores se estrañan de cando unha novela conta mulleres multiorgásmicas. Pois si, todo está relacionado. Igual nos teñen que deixar dicir cona máis veces para que certas cousas recuperar a súa naturalidade”.
Escribe que “as palabras son moi importantes e por elas a miúdo comezan as revolucións”, unha reflexión que leva de pleno a defender a linguaxe inclusiva e o dereito das mulleres e dos homes a non ter medo ante os eufemismos. En consonancia coa forza da palabra, a autora confesa que o máis sinxelo é sempre ficar en silencio, pero que ela elixiu erguer a voz, unha responsabilidade que considera que ten por dedicarse á literatura comprometida.
As lectoras e lectores que coñecemos a narrativa de Inma López Silva e os seus artigos semanais en La Voz de Galicia agradecermos moitísimo este libro, no que descubrimos mellor a súa forma de pensar e as situacións ás que se enfronta pola súa condición de muller, soportando acotío momentos nos que os homes “lle explican cousas”. Un ensaio que destaca pola súa sinceridade e pola súa capacidade para falar do sistema patriarcal e da necesidade do feminismo desde o cotián, no día a día, aínda que precisamente por iso ten algunha eiva, como a falta de cohesión e a superficialidade no tratamento dalgún capítulo, sen desmerecer o resultado final.
Ficha técnica
Título: Chámame señora, pero trátame coma a un señor
Autora: Inma López Silva
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 186