O xogo de ser feliz

Cando todo semella negro, sempre podemos xogar a ser felices. Iso é o que nos explica a nena Pollyanna, personaxe creado por Eleanor H. Porter, considerado un clásico da literatura xuvenil e que agora nos trae Isaac Xubín en tradución ao galego para Aira Editorial. Este libro colleitou un gran éxito naquel ano 1913 no que se publicou, e pronto impactou a varias xeracións, e mesmo se comezou a usar no campo da psicoloxía o concepto de “síndrome de Pollyanna”, precisamente para referirse a ese exceso de positivismo que asola a algunhas persoas.

Dun tempo a esta parte xa dispoñemos para ler na nosa lingua (e grazas ao esforzo titánico das editoras) algúns grandes clásicos universais que reivindican a voz de nenas intrépidas que soñan con cambiar o mundo. Este é o caso de Pippi Mediaslongas, Heidi e Anne a de Tellas Verdes, aos que agora se une Pollyanna. Nesta obra de Eleanor H. Porter atopamos a unha nena orfa que vai vivir coa súa tía e que leva con ela o “xogo de ser feliz”, unha actitude de positivismo ante a vida coa que pronto contaxia a todas as persoas do lugar. Sen dúbida, o seu espírito entronca co que hoxe en día está tan de moda e que se coñece como “literatura feel-good”, que é esa que nos fai sentir sensacións agradables.

A nena Pollyanna representa a inocencia máis pura, e a súa forma de encarar o mundo sorprende pola valentía e a capacidade de afrontar as diversas situacións que lle van sucedendo. O libro, que é ideal para ler nesta tempada outonal pola descrición das súas paisaxes, está contado en pequenas escenas do cotián que emocionan tanto ao lectorado máis novo como ás persoas adultas que nos achegamos dende a experiencia, pois fannos sentir e lembrar que é o verdadeiramente importante na vida.

Pollyanna transpira tenrura, vitalismo, é unha lembranza da felicidade, un clásico que non pasa de moda, que pode conquistar os nosos corazóns de hoxe. Pero, como é habitual nestas obras, non se esquece a parte de crítica social, e aquí a autora aproveita para poñer en evidencia o cinismo da veciñanza do lugar, con persoas que prefiren axudar os nenos da India polo que dirán e polos informes positivos, mentras que non fan caso dos que teñen ao seu carón.

En definitiva, Pollyanna é unha nena intrépida, que busca entender o mundo dos adultos, que tenta sobreporse a todo o malo que lle acontece na vida, e que tenta facer un pouco máis amable o lugar que habita, mesmo se ás veces non o entende. Un clásico universal que tamén nos fará rir moito e, como non, convidarnos a xogar a ser felices.

Ficha técnica

Título: Pollyanna

Autora: Eleanor H. Porter

Tradutor: Isaac Xubín

Ano de publicación: 2023

Editorial: Aira

Número de páxinas: 256

Prezo: 18,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.