O corpo aberto

Annie Ernaux, autora de "Memoria de chica"

É importante que as grandes voces da literatura actual mundial estean tamén na nosa lingua. Annie Ernaux, galardoada co Premio Nobel de Literatura 2022, xa se atopa no catálogo de Rinoceronte Editora a través da súa novela curta O acontecemento, que para min é un dos libros máis impactantes e novidosos que lin nos últimos tempos, tanto pola orixinalidade na escrita como pola valentía de expoñer a propia experiencia ao servizo da literatura. Nel fala dun aborto que afrontou ela mesma cando era moza unha Francia impregnada dun tufo moral que impedía ás mulleres interromper os embarazos non desexados. Así as cousas, e para tentar loitar contra ese estado, ela acode á casa dunha señora e describe, sen medias tintas, como lle provoca ese aborto, non exento dunha serie de complicacións das que tamén nos fala neste libro.

Ese “acontecemento” pasou, deu lugar a unha das súas primeiras novelas, e moito tempo despois escribiu este relato baseado naquela vivencia, co obxectivo duplo de enfrontarse á propia memoria e indagar se se lembra de todo ou só de certos detalles; ademais de que se coñeza o que padeceron (e aínda padecen en moitos lugares) as mulleres por defender o dereito a posuíren os seus propios corpos.

Cun estilo descarnado, cru, que nos deixa case sen alento, Ernaux destila unha valentía brutal neste cento de páxinas. E atrévome a asegurar que nunca antes asistira ao relato dunha experiencia tan animal e na que se fala do corpo abertamente, dende as súas debilidades e fortalezas.

Ernaux é definida continuamente pola crítica como unha escritora capaz de explicar o mundo a través da propia experiencia, e os seus libros son sempre unha mestura entre as vivencias dela e o que coñece a través dos libros e da cultura en xeral. Neste caso, e como tamén se fai noutras novelas súas, denúnciase as inxustizas cometidas contra as mulleres, o mundo patriarcal e ponse de manifesto o longo percorrido que aínda queda por trazar. Así mesmo, e como tamén é habitual neste tipo de novelas, atopamos continuas referencias á escritura e á literatura, pois ela é consciente de que escribe por algo e co afán de que se coñezan certas experiencias.

Para min, un libro inesquecible, co que establecer un diálogo, capaz de introducirse na nosa parte máis íntima para facernos pensar que fariamos nós se estivésemos na mesma situación que a autora por aqueles anos. Porque, e como se di aquí, “ver coa imaxinación oiu volver coa memoria é o que lle corresponde á escritura”.

Ficha técnica

Título: O acontecemento

Autora: Annie Ernaux

Tradución: Moisés Barcia

Ano de publicación: 2023

Editorial: Rinoceronte

Número de páxinas: 99

Prezo: 17,00  €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.