“A realidade ten por norma conservar unha distancia de cortesía coa imaxinación, mais desta volta invadiu o mundo do imaxinario, non hai lugar para a ficción neste tempo urxido”. Cando a marea negra asolou as costas galegas, hai agora vinte anos, Suso de Toro, escritor de profesión, ficou case orfo de inspiración creativa. El, que xa levaba unha boa colleita de novelas ás súas costas, quedou asolado por tanta ignominia, raiba e carraxe, que o único vehículo que atopou para canalizala foi escribir artigos xornalísticos. Precisamente, estes artigos, que se recollen no libro Nunca máis Galiza á intemperie, posúen unha virtude premonitoria, pois de Toro, que é un avezado analista, foi quen de prever o que viría e de denunciar o que acontecía xa dende o comezo mesmo da catástrofe, cando aínda as supostas autoridades dicían que se trataba duns “hilillos”.
Nunca máis Galiza á intemperie é un libro de crónicas sobre ese primeiro mes do Prestige, publicadas en xornais como El País e La Vanguardia, e nel o autor comparte con nós as súas inquedanzas e tenta reconstruír o que pasou baseándose en causas e consecuencias, que é o que se reclama dun xornalismo responsable e que apele ao cambio social. E é que aquí, o autor santiagués aproveita a ocasión para denunciar moitos temas e asuntos que, aínda a día de hoxe, seguen de plena e candente actualidade. Tal é o caso da manipulación dos medios de comunicación públicos, concretamente da TVG, que naqueles meses ateigaba os telexornais de publicidade dos políticos en actos na capital madrileña, cando o que realmente deberían ter feito sería estar nos lugares da costa que sufrían este desastre. Ou tamén cando denuncia a ineptitude deses mesmos políticos que non entenden a dimensión do que sucede.
O que sorprende desta lectura à posteriori é que abre moitos debates que deberían seguir preocupándonos, como o das competencias das comunidades autónomas, ou a da xestión dos recursos e o coidado do medio que habitamos.
Tantos anos despois, ler a Suso de Toro abre moitas feridas, quizais porque estas aínda non cicatrizaron. Mais esta lectura supón un exercizo claro de xustiza, de lembranza, de non esquecer, de seguir reivindicando. E tamén de recuperación da voz, porque Suso de Toro segue escribindo hoxe de forma habitual na prensa para reclamar moitas das cousas que reclamaba hai vinte anos. E porque aínda queda case todo por acadar como país.
Oxalá, como di o autor, algún día vexamos “nacer unha nación dun cataclismo chegado do océano”.
Ficha técnica

Título: Nunca máis Galiza á intemperie
Autora: Suso de Toro
Ano de publicación: 2002
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 107
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
